Entrevista a Eduardo J. Salido Blanco, presidente de Aesgal: "Unha das maiores vantaxes das sociedades laborais é que a empresa é propiedade de quen traballa nela”

Entrevista a Eduardo J. Salido Blanco, presidente de Aesgal (Asociación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia)

Cal é a situación das sociedades laborais en Galicia?

Hai que ter en conta o contexto económico actual. Por unha parte, ao empezar a crise aumentou o número de persoas que quere emprender e tamén hai empregados que queren seguir coas empresas nas que traballaban. A outra cara da moeda é que nesta crise están pechando bastantes sociedades laborais, coma no resto de formas xurídicas. Ademais, o pagamento único, que antes era só para cooperativas ou sociedades laborais, agora permite a creación doutro tipo de empresas colectivas e mesmo individuais.

Como se presenta o futuro a curto prazo?

Creo que a reforma da lei de sociedades laborais a finais de 2015 pode incentivar e reactivar a forma xurídica como sucedeu en 1997. A realidade é que en España, non só en Galicia, a maioría das empresas son sociedades limitadas de 2 ou 3 socios que traballan na empresa. En cambio, non están rexistradas coma sociedades limitadas laborais por falta de información. Ademais, unha vantaxe da reforma é que facilita a constitución de sociedades pois xa se poden crear con 2 socios, por un período de tres anos.

Que beneficios teñen as sociedades laborais para emprender?

O beneficio máis tanxible é o encadramento na Seguridade Social, pois os socios e socias son traballadores ou traballadoras por conta allea. Máis aló disto, están os beneficios da forma xurídica, vinculados ao feito de que a empresa é propiedade de quen traballa nela cada día, o que achega á empresa valores de implicación co entorno socioeconómico, estabilidade no emprego e solidariedade entre os traballadores e a sociedade na que viven. Por exemplo, é máis factible a conciliación e a formación. Polo tanto, non só se busca o beneficio económico senón a estabilidade e o compromiso coa contorna.

En que proxectos traballa Aesgal na actualidade?

Desde a creación en 2009, Aesgal enche un baleiro que existía en Galicia: representar as sociedades laborais da comunidade. Agora traballamos para alcanzar unha maior cota de representación institucional e ser un interlocutor válido coas administracións. Tamén imos participar no Consello de Economía Social Galego, aínda en proceso de creación.

Estamos a impulsar a marca da sociedade laboral. Con "Facendo empresa", difundimos os nosos valores e un sentimento común de pertenza a un grupo. Poden participar as sociedades laborais galegas que queiran e serve como un foro de canalización e proxección, onde vernos e recoñecernos, amosarnos á sociedade e onde se establecen redes de contactos para coñecerse e levar a cabo proxectos comúns.

Por último, un proxecto a curto prazo é facilitar a adaptación das sociedades laborais á nova lei. E, como falabamos antes, aproveitar para facer campaña para que as sociedades laborais potenciais ou de feito se califiquen.

Podemos falar dalgunha tendencia no eido das sociedades laborais?

Cada vez máis podemos falar de sociedades participadas nas que o persoal participa na propiedade da empresa. Creo que se vai impoñendo máis, sobre todo nas medianas e grandes empresas.

Considera que a economía social está en auxe?

A economía social sempre estivo en auxe pero non eramos tan conscientes ou non se facía visible. Hai que potenciala porque están demostrados os seus beneficios e vantaxes no mundo actual. Hai que pensar na comunidade local e nas persoas, pois xa vimos durante esta crise que non todo vale e hai outras formas de xerar riqueza, máis aló do beneficio empresarial. É aquí onde empresas como as laborais e as outras formas da economía social son cruciais poden facer unha achega diferencial, de compromiso co futuro das comunidades nas que viven.

 

 

Venres, 26 February, 2016 - 10:00

Compartir