Entrevista a David Gómez, director de vendas de 2beDigital

“Estamos duplicando o noso negocio cada ano e en 2018 esperamos iniciar a internacionalización”
É unha das empresas máis recentes da economía social de Galicia, pero unha das que está crecendo con maior impulso. Membro da Asociación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal), 2beDigital dedícase a facer medrar outros proxectos a través das ferramentas do marketing dixital. Consideran que Galicia é unha das comunidades autónomas españolas onde hai un maior potencial para o desenvolvemento desta actividade, pero tamén preparan a súa posible expansión internacional para 2018.
Que é 2beDigital?
2beDigital é un proxecto empresarial que nace da iniciativa de Pablo Borrás e Héctor Picazo. A súa actividade consiste en xestionar e optimizar todo o embude de conversión dunha empresa. O equipo que formamos parte de 2beDigital medimos as partes do funil que son máis potentes e traballamos sobre elas para lograr os mellores resultados posibles dentro da estratexia de marketing dos nosos clientes. En Galicia e España aínda hai moitas empresas, entre elas algunhas de gran tamaño e relevancia, que seguen nas antípodas do mundo dixital, xa que consideran que actuar neste eido é un gasto e non un investimento. Nós pretendemos controlar todo o proceso de conversión para demostrar ás empresas que é rendible.
Como xurdiu a idea de crear a empresa?
A través dun proxecto de formación en ISDI, institución presidida por Javier Rodriguez (presidente de Google España Portugal e Turquía). Pablo Borrás viu unha posibilidade de negocio no sector do marketing dixital. A partir de aí deseñou o proxecto, para o que contou desde o primeiro momento con Héctor Picazo, programador da Universidade Pompeu Fabra. A estratexia inicial de crecemento consistiu en realizar proxectos con compañías referentes de cada sector e así dispoñer dunha carta de presentación moito máis potente ante futuros clientes. Completada esa fase, agora iníciase a comercialización a maior escala de 2beDigital.
Por que fórmula de sociedade laboral?
Foi o tipo de empresa máis axeitado ao noso modelo de negocio e cultura de empresa. Consideramos que a mellor forma de crecer é que as persoas do noso equipo sexan socios ou poidan selo no futuro, xa que permite unha maior implicación profesional.
En que se diferencia da competencia?
Nos tres primeiros anos desenvolvemos tecnoloxicamente a empresa para que as ferramentas que utiliza sexan moi potentes. Isto significa que, nunha primeira fase, analizamos que plataformas e metodoloxías son as mellores para levar ao éxito aos nosos clientes. Un exemplo é o ecommerce B2C/B2B deseñado e desenvolvido por nós en Spreecommerce e Solidus (Ruby on Rails), que nos permite distanciarnos da competencia, que xeralmente usa Wordpress, Magento ou Prestashop. Permítenos facer desenvolvementos máis específicos e a medida para os clientes. Tamén o estudo en profundidade de ferramentas publicitarias como Facebook ads, permitiunos estar á vangarda no deseño de campañas con esta ferramenta e dispoñer dun xestor de Facebook que nos acompaña na mellora de resultados e en formación continua.
Cal é o perfil profesional das persoas que traballan en 2beDigital?
Dado que o funil ten diferentes fases, organizámonos en varios departamentos nos que traballan persoas especializadas nas distintas partes do proceso de conversión. Cada departamento executa a estratexia para levala a bo porto. Hai expertos en Facebook Ads, en redes sociais, deseñadores web e comerciais.
Cal é a evolución da empresa ata agora? E as perspectivas de futuro?
Desde que se creou hai caso catro anos, a facturación de 2beDigital está duplicándose por ano, incluído 2017. O próximo exercicio ese crecemento será aínda maior porque coincide coa comercialización de 2beDigital como produto en si mesmo. Sobre as perspectivas de futuro, o marketing dixital aínda é algo incipiente en moitas empresas, polo que hai marxe para medrar. Ademais, a isto hai que engadir que, en xeral, as empresas non teñen problemas en renovar proxectos se ven que a estratexia dixital dá resultados e é rendible.
Polo tanto, tamén se espera un reforzo do capital humano.
A curto prazo, en non máis dun ano, esperamos aumentar os tres comerciais que hai agora na empresa, e tamén esperamos iniciar a internacionalización. De feito, temos un colaborador en Israel para dar o salto a Estados Unidos e xa contamos con contratos en Ecuador.
Unha das cualidades de 2beDigital é que non conta con grandes rixideces como sedes custosas, non é así?
Somos unha empresa na que o equipo traballa en remoto desde diferentes localizacións, como Santiago, Vigo, Barcelona ou Israel e todos os xoves temos unha multiconferencia onde analizamos o avance dos proxectos. As empresas do século XXI non temos por que estar atadas a unha oficina. A filosofía de 2beDigital consiste en realizar un investimento mínimo en inmobilizado e ademais non temos créditos con ningún banco, o que nos permite un crecemento sustentable.
A actividade está centrada só en Galicia ou tamén noutros mercados?
Hai dous mercados diferenciados. Por unha parte, os nosos clientes principais están fóra de Galicia, sobre todo no que respecta aos sectores de papel, calzado e moda. Pero tamén traballamos con empresas galegas, con importantes referentes do ámbito agroalimentario como Leite Celta ou a cooperativa Horsal. A día de hoxe a facturación dentro e fóra de Galicia está repartida nun 50%-50% aproximadamente. E queremos seguir traballando coas empresas galegas porque Galicia é unha das comunidades nas que existe un maior potencial de crecemento.
Que razóns lle daría a posibles clientes para que impulsen a súa estratexia dixital?
A primeira razón é que a súa competencia directa seguramente xa o está facendo. As empresas que máis e mellor impacto teñen sobre a xente nos seus respectivos sectores son aquelas que xestionan adecuadamente a súa presenza dixital. Tamén é importante estar na Rede para gañar cota nunha parte do mercado que estea libre. Ao final é unha cuestión de tempo que máis empresas sexan conscientes das posibilidades que ofrece o marketing dixital. O que non é axeitado é que a estratexia dixital estea delegada no bolseiro ou que se engada á multitude de tarefas do responsable de marketing que, ademais, non está actualizado nin formado nas novas ferramentas e novidades do mercado. Nós somos conscientes de que o marketing dixital non é milagroso, pero contar cunha partida orzamentaria razoable pode impulsar de forma considerable o negocio.