Entrevista a Daniel Ferreiro, Director Xeral da Cooperativa Aira

Aira é a cooperativa de primeiro grao máis grande de Galicia que naceu tras a fusión de 22 cooperativas agrogandeiras, a maioría delas da provincia de Lugo, pero tamén de Pontevedra e A Coruña. Abarca todo tipo de actividades que teñen que ver con este sector e os seus bos resultados económicos dan fe de que o modelo cooperativo pode ser moi exitoso.

 

“Detrás dunha comarca próspera hai unha cooperativa que funcionou ben”

 

A actual Aira naceu hai xustamente un ano, e nada mellor para celebralo que obter un recoñecemento como o Premio aos valores cooperativos 2018. Que supón para a cooperativa?

Moitas grazas, para nós supón unha honra e unha gran satisfacción. A unión de vontades e a colaboración entre as persoas é a pedra angular para asegurar  unha sociedade baseada no benestar. A fórmula cooperativa, polos valores distintivos que posúe, convértese no mellor modelo económico para conseguir unha sociedade mais xusta e sostible.

Ata chegar ao que son hoxe, detrás hai un proceso de integración de cinco cooperativas. Que lles fixo dar este paso?

O certo é que o resultado actual é froito dun longo proceso de integración, proceso que comezou no ano 2000 con 22 cooperativas e que deu lugar á actual Aira, movemento que a bo seguro continuará. Sen dubida, os resultados positivos que derivaron dos procesos de integración acometidos por este grupo de sociedades espertou o interese e favoreceu o avance. Xuntos podemos achegar máis valor para os socios e para a sociedade en xeral, facemos máis sostible  o conxunto de actividades e servizos desenvolvidos e facilítase a participación en procesos de comercialización e transformación que valoricen mellor as producións das explotacións socias.

Xa viñan funcionando como unha cooperativa desde o 2005

Así é, constitúese en 2005 como unha cooperativa de 2º grao co obxecto de fabricar e comercializar os pensos e mesturas empregados nas explotacións das cooperativas socias. As cooperativas que constituíron inicialmente Aira contaban con 10 fábricas de penso. Unha vez rematado o proxecto de investimento, comeza a andaina da nova fábrica a principios de 2009. No primeiro ano fabrícanse 102.000 Tn, que no 2017 chegaron ás 160.000 Tn.

Pouco a pouco van sumando máis actividades, como repercute isto na empresa?

Como dicía, no longo camiño percorrido por este grupo de cooperativas fóronse creando e desenvolvendo un conxunto de actividades, subministracións e servizos que abranguen case todo o que ten que ver coas explotacións gandeiras. A dimensión e tamaño da sociedade, nuns casos, facilita ou posibilita a posta en marcha de novas actividades e servizos (especialización, comercialización, transformación...), e noutros fai sostibles os xa desenvolvidos.

Ata que punto é importante modernizar o sector?

En xeral, as cooperativas que se precen do seu bo funcionamento veñen sendo vangarda no sector agrogandeiro, tanto a nivel da calidade das subministracións como dos servizos prestados á produción. A incorporación de novas técnicas e o emprego das últimas tecnoloxías forma parte do noso ADN. Creo que un bo exemplo disto en Aira é a propia fábrica de pensos.

A xuntanza non puido ir mellor, os datos avalan que foi unha moi boa idea. Cales son as súas previsións de futuro?

Creo que practicamente temos superada a etapa de unificación de procesos. Había que unificar e confluír en moitísimas cousas... Intentamos sempre que os socios se sentisen satisfeitos na nova andaina e creo que pouco a pouco o estamos acadando. Por outro lado, aínda que leva transcorrido pouco tempo, os datos económicos apuntan moi ben, están a superarse as cifras de crecemento previstas para o período 2017/2019. O volume de negocio acadou en 2017 os 97,8 millóns de euros, o que supón un crecemento do 5,7%. En 2018 acadaremos os 104 millóns de euros de volume de facturación, o que suporá un crecemento anual do 6,2%.

A boa evolución do negocio e os bos resultados acadados, están a permitir incrementar os volumes de investimento dos 2,5 millóns de euros previstos ata os 4 millóns que estamos executando neste ano 2018.

Que papel teñen as cooperativas no desenvolvemento do eido rural?

Sen dubida, é a ferramenta máis dinamizadora do medio rural, non só polo que achega en termos económicos, senón polo que contribúe á mellora da calidade de vida dos nosos socios. As cooperativas son sociedades con vocación de permanencia, desenvólvense e permanecen como empresas no medio do que forman parte os seus socios, xerando valor para eles e a súa contorna.  Cando un se move polo medio rural galego, dase conta de que detrás dunha comarca desenvolvida hai ou houbo unha cooperativa que funcionou ben. 

Contan con máis de 2.500 socios, que supón formar parte dunha sociedade tan grande? Sempre se fala de números pero non das persoas...

O certo é que non nos xuntamos polo feito de estar xuntos senón para facer máis cousas e mellor. A principal misión da cooperativa consiste en achegar valor para os seus socios, as súas familias, a súa contorna e, polo tanto, para o medio rural e para a sociedade en xeral. A dimensión, sen dúbida, permite e facilita a sustentabilidade do conxunto de actividades e servizos desenvolvidos e valoriza as producións das explotacións dos socios mediante a participación nos procesos de comercialización e transformación. Ademais dos valores económicos intrínsecos deste modelo societario, a cooperativa achega moitos outros valores máis intanxibles que teñen que ver coa formación, o desenvolvemento das persoas e a calidade de vida dos socios e as súas familias.

Como ve o futuro da economía social e do cooperativismo en concreto?

Sen dúbida, a economía social e o cooperativismo xogan un importante papel dentro do sistema socioeconómico, destacando tanto polas súas funcións económicas como sociais e políticas. A situación derivada da crise económica ven de poñer de manifesto unha vez mais a importancia desta ferramenta á hora de facer fronte con éxito ás situacións máis difíciles.

 

AIRA EN DATOS

Ano de constitución: 2017

Sede: Parque Empresarial, s/n, 27550 Taboada, Lugo

Cadro de persoal: 228 traballadores directos en 15 centros de traballo. 2.537 socios

Facturación 2017: 97,8 millóns de euros

Produción: 200.000 toneladas de pensos e mezclas. Preto de 330 millóns de litros de leite en máis de 1.200 explotacións

 

Venres, 10 August, 2018 - 10:00

Compartir