Entrevista con Luis Penido, Xerente de Trameve, Centro Especial de Emprego

Trameve é un centro especial de emprego de iniciativa social formado por un grupo de profesionais especializado no tratamento ecolóxico de vehículos cando se acaba a súa vida útil. Naceu no ano 2000 e desde entón non parou de crecer adaptándose aos avances tecnolóxicos neste sector, sempre coa responsabilidade social como bandeira.

 

“O realmente importante para nós son as capacidades das persoas e poñelas en valor”.

 

En que consiste o procesamento ecolóxico de vehículos?

Cando un vehículo queda fóra de uso por sinistro ou por fin da vida útil hai que reducir o seu impacto ambiental. En canto se recepciona nun Centro Autorizado de Tratamento, e tras tramitar a baixa na Dirección Xeral de Tráfico e emitir un certificado de destrución, o vehículo sométese ao proceso de descontaminación: retíranse todos os líquidos, gases, e compoñentes catalogados como perigosos, que se almacenan nuns recipientes específicos e se envían a xestores autorizados para a súa xestión medioambiental.

 

Traballamos con procesos limpos e seguros no tratamento de vehículos no fin da súa vida, sempre cunha mellora continúa e apoiándonos na innovación tecnolóxica para levalo a cabo cun alto compromiso medioambiental.

 

Esta é unha empresa comprometida desde o seu comezo por dúas causas moi potentes: o medio ambiente e a integración laboral de persoas con discapacidade.

O emprego é clave para a inclusión das persoas e permite a participación plena na sociedade, por iso, ao igual que o resto de empresas que forman parte de Galega de Economía Social (GES), a razón de ser de Trameve radica na xeración de oportunidades de emprego para as persoas con discapacidade.

Na empresa traballamos actualmente 15 persoas das cales 13 presentan unha discapacidade, a maioría física. O realmente importante para nós son as capacidades das persoas e poñelas en valor. Cada profesional desempeña o seu traballo que lle permite potenciar as súas habilidades, ao tempo que recibe formación, o que fai posible a súa inclusión no mercado laboral ordinario.

 

Tedes o recoñecemento de ser unha das empresas máis sustentables de Galicia.

No ano 2006, a Xunta avaliou os 96 CAT (Centro Autorizado de Tratamento) que hai en Galicia. Todos partíamos con 10 puntos e se non cumprías determinados requisitos ías restando puntos. De todos os centros de Galicia nós tivemos a máxima puntuación, un 10 en comportamento ambiental. Non só procesamos residuos senón que tratamos de que os recambios poidan ser reutilizados noutros vehículos e darlles unha segunda e, en ocasións, unha terceira vida. Se non se poden vender e reutilizar, recíclanse.

 

De feito sodes un referente entre os preto de 500 centros autorizados de tratamento de vehículos que hai en España.

Trameve está certificada coas ISO 9001 e 14001 e frecuentemente desenvolvemos xornadas de formación para empregadas/os doutros CAT, para inspectores medioambientais e formadores doutros países. No ano 2016 recibimos da Consellería de Economía, Emprego e Industria un recoñecemento pola nosa Responsabilidade Social Empresarial.

 

Formades parte de Cogami e de Galega de Economía Social. Cales son as vantaxes de pertencer a estas asociacións?

Trameve nace no ano 2000 como unha iniciativa empresarial promovida por Cogami, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. A integración en Galega de Economía Social, matriz do grupo de empresas de economía social promovido por Cogami, é moi positiva. Pertencer a un grupo desta magnitude fai posible o aproveitamento de sinerxías.

 

Neste senso, cabe destacar o labor das empresas de economía social na xeración de oportunidades para as persoas, o que repercute positivamente na sociedade no seu conxunto, no desenvolvemento local, na igualdade de oportunidades, na inclusión sociolaboral ou no desenvolvemento sustentable económico, social e medioambiental.

 

Como valoras a función destas empresas no mercado?

As empresas da economía social teñen un labor fundamental na sociedade. As persoas están no centro da toma de decisións, o proxecto é parte delas, un plan conxunto, e o motor principal non é outro que xerar e distribuír riqueza para a sociedade.

 

Levas de xerente desde o ano 2000 cando a empresa arrancou. 18 anos de vida é moito para unha empresa, como cambiou desde entón?

Trameve naceu a raíz dun proxecto europeo, Proxecto Horizon, no que participou Cogami a finais dos anos 90, formando a varias persoas con discapacidade no ámbito do tratamento medioambiental de vehículos ao final da súa vida útil, e que desembocou nunha pequena empresa con 6 traballadores e nunhas instalacións que pronto quedaron pequenas. Actualmente, contamos cunha nave de 13.000 m2 no polígono industrial do Tambre en Santiago de Compostela, e cun cadro de persoal de 15 persoas, e outras 9 que se incorporaron ao mercado laboral ordinario, en concesionarios, empresas de recambios ou talleres, tras o seu desenvolvemento profesional en Trameve.

 

Cal é o segredo para ser rentable?

A mellora continua, a adaptación ás circunstancias, sobre todo en épocas de crise, a seriedade e ir formando un equipo humano moi competente e cualificado fan posible unha rendibilidade sustentable no tempo.

 

 

DATOS DA EMPRESA

Nome e cargo: Luis Penido, xerente de Trameve

Ano de constitución: 2000

Sede: vía La Cierva, 50, polígono industrial do Tambre- Santiago de Compostela

Cadro de persoal: 15 persoas, 13 con discapacidade

Actividade: tratamento de vehículos en fin de vida

Área de negocio: nacional

 

 

Venres, 15 June, 2018 - 11:00

Compartir