Entrevista a Chema Arnaiz, socio traballador de Triwus

“Triwus é unha plataforma 100% galega coa que queremos democratizar o uso da tecnoloxía”

Comezaron colaborando e, despois de tres anos de traballo, decidiron dar o salto e crear xuntos esta cooperativa innovadora con base en Boiro (A Coruña). Os tres socios escolleron a fórmula cooperativa por ser a que máis se axusta á súa visión da vida e da empresa, un aspecto que se transmite no seu modelo de negocio, destinado a facer máis accesible o uso da tecnoloxía entre todo tipo de usuarios.

Cal é a actividade principal de Triwus?

Triwus centra a súa actividade, por unha banda, no desenvolvemento de software e deseño gráfico e, por outra, na realización de traballos de consultoría dirixidos a empresas, emprendedores e administracións públicas.

Como xurdiu a idea de crear unha cooperativa?

Nace como proxecto no 2014, cando un dos socios, Carlos Arias, comezou a desenvolver a plataforma que hoxe sustenta todos os nosos proxectos de creación web. A partir de aí uniuse Alberto Pouso para darlle apoio nas tarefas de deseño gráfico e web. Unha vez que a plataforma xa comezara a coller forma, sumouse a terceira parte, eu, para encargarme das tarefas administrativas e legais. Inicialmente colaborabamos dun xeito moi informal, pero co tempo apostamos máis polo proxecto e vimos que era rendible, por iso en abril do 2017 decidimos crear unha empresa que seguise mantendo a nosa filosofía de traballo baseada na horizontalidade da toma de decisións. Tivemos claro que a fórmula de cooperativa era a que mellor se adaptaba ao noso modelo de negocio, aos nosos intereses comúns e, en xeral, á visión vital dos tres socios.

Cal é o perfil dos socios traballadores e cantos sodes?

Na actualidade somos tres socios. Dous encárganse da área de desenvolvemento de software e deseño gráfico que, na maioría dos casos, son proxectos que sempre van da man. Eu dedícome a asuntos relacionados coa consultoría estratéxica como, por exemplo, plans de empresa, mellora empresarial, subvencións, licitacións, deseño de proxectos e asistencias técnicas. Aínda que a denominación social é Triwus S. Coop. Galega, contamos con dúas marcas que diferencian as nosas principais liñas de traballo: Triwus Plataforma Web e Resolve Solucións Estratéxicas.

En que proxectos máis relevantes traballa a cooperativa?

Un dos nosos principais proxectos é a nosa plataforma de creación web, é dicir, contamos cunha plataforma propia que permite crear webs dun xeito sinxelo e rápido, dándolle a posibilidade aos nosos clientes de que xestionen os seus contidos e democratizando o uso das novas tecnoloxías a todo tipo de perfís de usuarias e usuarios. Está plataforma levounos máis de dous anos de traballo previo, utilizando tecnoloxía 100% desenvolvida por nós.

A medio e longo prazo, que horizonte vos gustaría acadar?

Gustaríanos continuar medrando en canto ao número de usuarias e usuarios da plataforma e, principalmente, seguir facendo o que nos gusta e que, ao mesmo tempo, xere a rendibilidade económica suficiente que nos permita vivir dignamente. En definitiva, consolidar o noso posto de traballo para que se traduza nun proxecto persoal e vital.

Que visión tendes da economía social? É un sector en alza?

Claramente si. Como cooperativa que acaba de saír do forno, pensamos que a economía social transmite uns valores diferentes, tanto a nivel interno coma á hora de relacionarse coa contorna máis próxima. Desde o noso punto de vista, este modelo supón unha clara vantaxe en moitos sentidos. É un xeito diferente de facer as cousas, onde os beneficios colectivos priman sobre os individuais, e que favorece un desenvolvemento socioeconómico máis sostible. E queremos que este sexa o noso camiño.

Por que o nome de Triwus?

Está relacionado coa nosa plataforma xa que todos os nosos proxectos web están baseados nela. A nosa idea é crear unha comunidade, unha tribo de xente que non se atope con barreiras técnicas nin de outro tipo á hora de poñer en marcha o seu propio proxecto dixital. 

 

Xoves, 14 December, 2017 - 03:00

Compartir