Entrevista a Carlos Boado, socio traballador e presidente da cooperativa Miraxe

“Miraxe nace como un proxecto galego que se compromete a achegar estabilidade e melloras ao sector das artes escénicas”
Apenas levan cinco meses de actividade como cooperativa e non paran: máis de 50 clientes e 400 eventos realizados. Os dez profesionais que forman parte deste novo proxecto teñen unha gran sensibilidade pola formación e pola incorporación de máis xente moza. Para iso, queren seguir medrando pouco a pouco e con responsabilidade, para nos próximos tres anos superar unha facturación de 600.000 euros. E, de momento, van polo bo camiño para conseguilo.
Cal é a actividade de Miraxe?
A nosa cooperativa cubre todo o proceso de xestión e creación no ámbito das artes escénicas, tanto para entidades públicas como privadas. Tamén nos ocupamos do transporte e montaxe de elementos de son, iluminación, audiovisuais e doutro tipo de infraestruturas.
Como xurdiu a idea de crear unha cooperativa e non outras fórmulas?
Buscamos un modelo de sociedade onde todos os socios e socias puidesen exercer de xeito democrático o control e con autonomía e independencia para o desenvolvemento da súa actividade laboral. Os principais valores do cooperativismo, tales como a axuda mutua, a participación, a igualdade, a equidade, a responsabilidade e a solidariedade, ademais da transparencia, plasman á perfección a idea orixinaria da que parte a nosa unión. Ante todo, somos un proxecto de persoas.
Por que o nome de Miraxe?
A nosa intención era buscar un nome que nos identificase cun proxecto galego, baseado nas relacións humanas. Miraxe é a ilusión dun grupo de persoas que se unen co fin de crear un proxecto digno, estable e de compromiso de mellora co sector.
Cal é o perfil dos socios traballadores e cantos integran a cooperativa?
Somos dez socios e socias con perfiles moi variados: técnicos de son, iluminación, audiovisuais, produción técnica e artística. O tramo de idade é desde os 24 aos 52 anos. Todos os socios e socias fundadores contamos cunha ampla experiencia laboral no noso sector.
Cales son os principais proxectos da cooperativa?
No noso sector hai unha demanda de profesionais pero cun problema serio de temporalidade. Nestes cinco primeiros meses de vida de Miraxe fomos quen de xerar máis de 50 clientes e achegar profesionais a máis de 400 eventos. O principal proxecto radica na acción formativa, xa que precisamos investir en formación para dar resposta á demanda do mercado. O mundo das artes escénicas é principalmente tecnolóxico e, ata agora, os profesionais formábanse de maneira individual. Precisamos unha formación conxunta e aberta á contorna. O obxectivo é xerar clientes con carga de traballo anual e establecer lazos con outras cooperativas, empresas e persoal autónomo. En resumo, levar a cabo unha intensa acción formativa e a integración de mozos e mozas na nosa cooperativa.
Que perspectivas de negocio ten Miraxe a medio e longo prazo?
Nos próximos tres anos a nosa pretensión é chegar aos 18 socios e situarnos nunha facturación superior aos 600.000 euros, e que nos permita continuar cun alto porcentaxe de investimento dedicado á formación.
Cal é a súa visión da economía social? É un sector en alza?
Consideramos que no mercado laboral actual é imprescindible a creación de modelos empresariais que garantan a estabilidade e a dignidade das persoas, que aposten pola xuventude e pola integración da muller e que se comprometan coa contorna. Cremos que é un sector necesario pero que precisa do apoio das administracións, e non só a través de subvencións, senón tamén primando a acceso de este tipo de empresas ao traballo xerado por parte do sector público.