Entrevista a Ana Vence, responsable comercial e socia da cooperativa Campo Capela

En novembro pasado, o queixo Mouro de Campo Capela foi distinguido cunha medalla de ouro no recoñecido concurso World Cheese Awards 2018 ao que se presentaron case 3.500 variedades. É o quinto premio que recibe desde que se creou hai tres anos. De Bergen (Noruega), o seu Tetilla tamén volveu cun bronce e xusto estes días acaba de recibir o 6º premio na 21ª Cata dos Queixos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL). Falamos con Ana Vence, responsable comercial e socia da cooperativa, da repercusión dos galardóns e dos seus plans de futuro.
“As vendas medraron un 500% e temos lista de espera do queixo Mouro e do Tetilla”
Noraboa polos “óscar” nos World Cheese Awards 2018! Como recibiron este premio?
Con alegría e con sorpresa, sobre todo polo premio para o Tetilla porque é moi suave e competía con outros franceses de máis sabor. O queixo Mouro xa ten varios galardóns desde que o creamos hai tres anos, aínda que este é o máis popular.
Cales son os outros galardóns do queixo Mouro?
Etiqueta de Ouro ao mellor queixo de pasta branda no Salón do Queixo de León, Innoforum no Forum Gastronómico e Salón Atlántico Excelente. É un queixo que che pode gustar ou non, pero é orixinal e un pouco sorprendente e por aí poden vir os recoñecementos.
Contan cun departamento de innovación?
Somos tan pequenos que o departamento é sempre o mesmo (ri)! A nós iso sónamos un pouco grande. É simplemente confluencia de ideas entre as 9 persoas que traballamos na queixeiría e nada máis!
Van a moitas feiras ao longo do ano?
Sempre imos a tres de referencia como Madrid Gourmet, Etiqueta Negra, en Pontevedra, e en León, ao Salón do Queixo. Despois, tamén acudimos ao Fórum Gastronómico, a pequenos mercados como pode ser o San Froilán ou a outras feiras que aparecen. Para nós é imprescindible saír fóra para vender porque senón non te coñece ninguén.
Tamén venden online?
Si, pero a venda online de frescos é moi difícil, aínda que agora co do premio notamos un incremento do 500% tanto na tenda física como na web de todos os produtos, sobre todo, do Mouro e do Tetilla. De feito temos lista de espera destes dous porque non somos capaces de atender os pedidos.
O queixo Mouro está elaborado con leite cru e ten unha maduración de máis de dous meses.
A súa pasta branda é comestible e leva un baño de café e canela que lle dá o seu característico color.
De onde son os compradores?
Online, incrementamos as vendas sobre todo no Mediterráneo e en Madrid, onde xa tiñamos representación. Sobre todo estamos chegando a outras rexións novas como Andalucía e empezamos a abrir mercado no norte, unha zona que tradicionalmente non compra queixos en Galicia porque están afeitos aos seus sabores e os nosos son máis suaves.
Van aumentar a súa capacidade de produción para facer fronte a esta demanda?
Estamos en plena ampliación da fábrica para triplicar unha produción de 80.000 litros de leite ao mes. É unha decisión que tomamos hai tempo, non vén polos premios. Dentro da nosa forma de traballar artesán, queremos organizar mellor os espazos para estar máis cómodos.
Teñen algún outro produto novidoso na recámara?
Novidoso, novidoso temos un queixo que aínda tardará un pouco (ri). Primeiro temos que adaptar os novos espazos, sobre todo de maduración. Sempre estamos probando cousas novas, pero antes precisamos asentar os queixos que temos para chegar aos novos mercados e despois faremos algún máis. Imos con calma. O próximo que saquemos pode ser un iogur que gustou moito na fase de probas.
Tamén se preocupan de certificar a calidade dos seus produtos xa que un deles conta son denominación de orixe (tetilla) e para outro (requeixo), están en trámites. As certificacións de calidade son importantes para Campo Capela?
Sempre son unha garantía e un control. Non obstante, agora estamos centrados noutro tipo de certificacións que avalen o noso leite de cercanía, xa que as 38 explotacións socias atópanse nun radio duns 22 km, ou que non alimentan as vacas con carro misturador senón con herba verde recollida diariamente, entre outras cousas. Hoxe en día, todo o mundo garante unha trazabilidade, pero nós case podemos ir animal por animal. Esa é a nosa diferenciación. Desde que sae o leite da granxa ata que o elaboramos, pasa unha hora.
Tampouco se poden esquecer as orixes. Como xorde Campo Capela?
Facemos 50 anos en 2019. Fomos das primeiras cooperativas de Galicia con 22 explotacións que se uniron con moita ilusión para vender o seu produto a mellor prezo, que sempre é a finalidade. Esta foi unha comarca de valores cooperativos. O edificio foi construído polos propios socios que incluso viñan moer cos seus tractores cando non había motores. Experimentamos moitos proxectos, algúns con máis éxito ca outros e nese camiño queremos seguir, cambiando o rumbo se é necesario.
Por certo, que lles dixeron os socios do premio en Noruega?
Está moi contentos. É un grande ilusión para seguir traballando.
CAMPO CAPELA EN DATOS
Ano de constitución: 1969
Enderezo: Calzados, 8. A Capela. A Coruña (comarca do Eume)
Socios: 232 socios (38 explotacións de leite de vaca)
Traballadores: 16 traballadores (9 na queixeiría)
Web: campocapela.com