Entrevista a Ana Olveira, investigadora na USC e cooperativista en Abeluria

Ana Olveira está a realizar actualmente unha tese na Universidade de Santiago de Compostela que leva por título “A cooperativa: emprendemento en feminino”. Vén de participar en diversos encontros cooperativos e aproveitamos a súa experiencia, non só como investigadora, senón tamén como cooperativista, xa que forma parte da cooperativa Abeluria, para que nos fale dos espazos de confluencia que se están conformando entre a economía social e o ámbito académico.

1. O pasado mes de novembro levouse a cabo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela o primeiro Encontro Universidade-economía social. Cales foron os motivos que impulsaron esta iniciativa?
O encontro nace por iniciativa do Centro de Estudos Cooperativos (Cecoop) e da Rede Eusumo co fin de xerar un espazo onde se atopen a teoría e a práctica, a universidade e a economía social, xa que moitas veces traballamos en paralelo pero non sempre de xeito coordinado.

Foi unha reunión entre persoas que investigamos e persoas que forman parte das entidades representativas do sector. Os primeiros mostramos as nosas liñas de investigación activas e os segundos indicaron en que retos lles podemos axudar co fin de aliñar obxectivos e recursos.

2. Os plans de estudos universitarios son eficaces á hora de transmitir coñecementos sobre economía social?
Eu diría que a cuestión non está na transmisión ou transferencia de coñecementos, que tamén, máis ben sitúase antes, a economía social non aparece nos plans de estudios.

No último informe de CEPES (“La Economía Social en la formación universitaria de postgrado: curso académico 2018-2019”) indícase que en Galicia non existe ningunha formación universitaria que recolla a economía social. Este feito penso que é un dos motivos polo que nin o alumnado nin os investigadores se decantan pola economía social como obxecto de estudo.

3. Na súa opinión, por que é preciso xerar un espazo de intercambio no que conflúan a economía social e a universidade?
Eu penso que ese espazo é preciso por tres razóns: primeiro, pola necesidade de establecer retos e necesidades de xeito conxunto que aliñen teoría e práctica; segundo, para visualizar a economía social dentro do eido académico; e terceiro, para identificar ás persoas que estamos investigando no eido da economía social, xa que moitas veces estamos illadas en diferentes departamentos, universidades ou cidades.

4. A importancia e visibilidade da economía social en Galicia medra ano tras ano, e este é o mellor momento para tender pontes co ámbito académico?
Unha das cuestións que se repetiu ao longo de toda a xornada do encontro foi a necesidade de cuantificar o que significa a economía social en Galicia, xa que agora mesmo só temos cifras parciais nalgunhas das “familias” e moitas veces non teñen valores estandarizados ou actualizados. Non coñecer a importancia cuantitativa da economía social é outra das dificultades para potenciar a investigación neste sector, xa que, por exemplo, non podemos determinar a súa relevancia social.

En calquera caso, penso que na actualidade se están a dar moitas circunstancias que fomentan ou poden axudar á investigación en economía social e ao propio sector. Está sendo apoiada con plans específicos, por instancias internacionais (ONU, OIT, Unión Europea), estatais e galegas (a Xunta, a través da Estratexia galega de economía social, é un bo exemplo); polo que calquera ponte que se xere agora e estea aliñada con estas tendencias, será ben recibida.

5. Vostede é un exemplo dos lazos que se están a establecer entre o mundo académico e a economía social?
O meu é un caso particular porque estou a medio camiño entre un campo e o outro. Pertenzo a unha cooperativa e estou realizando a miña tese de doutoramento, polo que son investigadora na Universidade de Santiago de Compostela, pero xa houbo con anterioridade persoas que estiveron en situacións parecidas e seguro que no futuro haberá máis.

6. Recentemente presentou un estudo sobre a Rede Eusumo no XVII Congreso de Investigadores en Economía Social de Toledo. Pode compartir algún dato?
Foi un traballo que realizamos a profesora María Bastida máis eu, no que analizamos a Rede Eusumo despois de 8 anos desde a súa posta en marcha, e a verdade é que os resultados están sendo moi interesantes. O primeiro que poderíamos destacar é que non existen moitos exemplos de políticas públicas como a Rede no conxunto do Estado e penso que ningunha, que se prolongue tanto no tempo.

Destacaría tamén que a Rede axudou a que a economía social mantivese unhas boas cifras nos peores momentos da crise, atopándonos, por exemplo, cun aumento constante de emprendemento a través da fórmula cooperativa. Tamén detectamos retos aos que se debe facer fronte, como lograr unha maior coordinación entre as entidades que a conforman ou tentar que a cidadanía a coñeza mellor, xa que moitas veces pasa desapercibida.

7. Existen outras experiencias de confluencia entre a universidade e economía social a nivel nacional?
Si, as persoas que investigan en economía social nas universidades soen ter unha forte conexión co sector, e iso nótase. Son habituais os foros nos que participan tanto as universidades como a economía social, pero nos últimos tempos hai un especial interese en que esas pontes estean máis identificadas e sexan máis estables.

Eu, de feito, veño de participar nun encontro en Donostia que se celebrou os días 13 e 14 de decembro baixo o título “Universidade e Emprendemento cooperativo”. Nel participaron entidades do sector e diferentes axentes das universidades, que compartimos as nosas experiencias para favorecer ecosistemas favorables ao emprendemento na economía social. Penso que, en xeral, existe unha forte vocación en traballar de forma conxunta, aínda que iso moitas veces nos supoña un esforzo extra.

 

A autoría da fotografía correspóndelle a Marcos Boedo Casanova

Xoves, 21 February, 2019 - 14:30

Compartir