Entrevista a Ana Lorenzo, socia traballadora da cooperativa Cidadanía

“Queremos que a traxectoria e experiencia innovadoras de Cidadanía inspiren aos novos emprendedores”
En 1999 crearon un proxecto pioneiro cando ninguén demandaba apoio para procesos de participación. A súa pedagoxía foi impulsando unha iniciativa empresarial que aposta de forma decidida polo cooperativismo. Premiada como Mellor Proxecto Cooperativo en 2016 pola Xunta de Galicia, o seu traballo está detrás das populares campañas de orzamentos participativos de cidades como A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela e queren seguir impulsando proxectos de empoderamento da poboación para lograr que a economía social sexa o modelo económico maioritario. Esta é a súa historia.
Cal é a actividade ou ramas principais de actividade de Cidadanía?
O centro do proxecto profesional de Cidadanía é traballar, sobre todo, a prol dunha participación activa da cidadanía nas políticas públicas. Tamén desenvolvemos estudos, realizamos consultoría pública, apoiamos e asesoramos a outras cooperativas e entidades da economía social en temas de organización e ofrecemos formación.
Por que o nome de Cidadanía?
O concepto de cidadanía recolle ben a idea da participación activa e corresponsable, que é o noso ámbito de traballo. Ademais, fai referencia ao colectivo, á sociedade coa que traballamos. É un nome en feminino, inclusivo e implica relacións entre iguais e horizontalidade. A cidadanía é algo vivo e en movemento. En definitiva, ilustra ben os obxectivos da nosa cooperativa.
Como xurdiu a idea de crear unha cooperativa e non outras fórmulas?
A fórmula cooperativa é a que representa en maior medida a democracia económica. A igualdade, a democracia interna, a creatividade e o traballo en equipo son a un tempo o que somos como cooperativa e o que promovemos como profesionais. É unha cuestión de convencemento e coherencia cos nosos valores persoais e profesionais.
Sodes unha das cooperativas de traballo asociado máis veteranas. Que lle aconsellades aos novos emprendedores da economía social?
Cidadanía naceu en 1999 como un proxecto moi innovador. Daquela ninguén demandaba apoio para procesos de participación e nós fixemos pedagoxía coa nosa clientela potencial para que apostase por unha participación máis activa. Somos un exemplo de ir por diante da propia demanda, polo que queremos que a nosa traxectoria e experiencia animen e inspiren a outros proxectos innovadores. A día de hoxe hai persoas moi formadas que tamén se identifican coa fórmula cooperativa e teñen moito que ofrecer á sociedade. Outro consello é procurar apoio nas demais cooperativas e nas unións: somos un ecosistema acolledor e tratamos de arroupar todo o que podemos aos novos proxectos, especialmente nos momentos iniciais, que adoitan ser de gran incerteza.
Que perfil ten o equipo de Cidadanía?
Somos un equipo multidisciplinar de seis persoas, dúas mulleres e catro homes, con formación en ciencias políticas, socioloxía e economía.
De todos os desenvolvidos pola cooperativa, que proxectos destacarías e en cales traballades agora?
Nos últimos anos desenvolvemos os procesos de orzamentos participativos en Santiago de Compostela e A Coruña. Son procesos moi esixentes, nos que xa contabamos coa experiencia previa de cidades como Ferrol. Outro proxecto moi relevante para nós agora mesmo é Candieira, promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e que ten como obxectivo promover e poñer en valor o papel das mulleres do mar. A nivel de intercooperación, estamos impulsando a plataforma Ben Mercado, unha tenda en liña da economía social galega. Tamén traballamos con outras cooperativas e ONGs en tarefas de asesoramento e formación para fortalecerse como organizacións e promover unha ampla participación.
Que aspectos vos gustaría mellorar ou potenciar da dinámica da cooperativa no futuro?
No plano máis persoal e laboral, gustaríanos desenvolver o noso traballo de forma máis pausada, elixir nós os ritmos de traballo e ter maior calidade de vida. Para iso a perspectiva é ter máis capacidade de negociación e de elección dos nosos clientes e proxectos.
Cal é a vosa visión da economía social. É un sector en alza?
Polo ben de todas e todos, debera ser un sector en alza. Cada vez é máis coñecido e desperta un maior interese na xente, aínda que lle falta percorrido para consolidarse como o modelo maioritario, que é ao que aspiramos.