As entidades da economía social galega figuran entre as máis relevantes de España

A última edición do informe Las empresas más relevantes de la economía social é un retrato do tecido empresarial que reflicte a diversidade da economía social española e no cal destacan varias entidades galegas.

Este documento foi elaborado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), patronal que representa a máis de 43.000 entidades. No seu conxunto, estas empresas xeran ao redor de dous millóns de empregos, directos e indirectos, e a súa facturación supón o 10% do PIB nacional.

O informe mostra listados de diferentes tipos de entidades enmarcadas na economía social, todos eles ordenados de maior a menor facturación. Ademais, o documento  recolle unha análise descritiva das características destas entidades, na que se teñen en conta datos como o emprego, o tamaño, a tipoloxía ou o territorio.

Entre as case 60 entidades da economía social galega que figuran neste estudo, a que máis despunta é a cooperativa Coren, cunha facturación de máis dun millón de euros e con preto de 3.200 postos de traballo.

Na publicación elaborada pola CEPES tamén aparecen outras 32 cooperativas pertencentes a diferentes sectores de Galicia, entre as que destacan algunhas como Clun, Aira, Cogal, Lemos e Martín Códax, entre outras.

En canto ao modelo de empresas de inserción están presentes Properdis, Cormo Integral, Servicios Comerciales de Inserción Laboral, Arroupa Santiago, Vivir do Traballo, Primicias Raíña, Compostela Inserta e Ahortas.

Galicia tamén aparece situada á cabeza coas súas confrarías, cunha facturación anual superior a 118 millóns, fronte aos 98 de Cataluña, os 82 da Comunidade Valenciana ou os 70 que suman os pescadores andaluces.

Son ata 14 os centros especiais de emprego de iniciativa social de Galicia que aparecen no listado, entre os que se inclúen Coregal, Hornos de Lamastelle, Combina Social, Dixardín, Accede Social, Integratex ou Grafinco.

Por outra parte, na lista de asociacións e fundacións están presentes APAMP e Properdis. E finalmente, no apartado de sociedades agrarias de transformación figura Queinaga.

 

Xoves, 9 Maio, 2024 - 09:45

Compartir