DÍA DO COOPERATIVISMO 2022

  • O cooperativismo galego celebra o seu día no Parque da Música en Santiago, capital española da Economía Social 2022, e coas cooperativas compostelás como anfitrioas.
  • Na gala entregaranse os Premios á Cooperación deste ano que recoñecen ás cooperativas 13 grados, Aventeira e Agroflor.
  • A gala estará conducida polo presentador Fran 'Cañotas' e contará coas actuacións musicais do Coro Encaixe e a banda Momboi.

'As cooperativas constrúen un mundo mellor' é o lema internacional escollido para a celebración do Día Internacional das Cooperativas e do Día do Cooperativismo Galego que ten lugar cada ano durante o primeiro sábado do mes de xullo. O cooperativismo galego súmase unha vez máis á consigna internacional que pon o foco nos valores da fórmula cooperativa: un modelo da economía social que pon ás persoas no centro e que atende a principios de participación, igualdade, corresponsabilidade ou comunidade.

Dez anos despois da celebración do Ano Internacional das Cooperativas das Nacións Unidas (2012), o movemento cooperativo global recupera o lema de aquela efeméride, 'As cooperativas constrúen un mundo mellor', para a celebración deste ano e para a conmemoración do décimo aniversario daquel lembrado Ano Internacional.

Na gala que se celebrará o 2 de xullo se fará entrega dos premios á cooperación convocados anualmente. Nesta ocasión o proxecto de divulgación e conservación mariña 13 grados recibirá o Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo novo; a cooperativa de educación e lecer Aventeira o Premio aos valores cooperativos e Agroflor o Premio á traxectoria cooperativa.

Durante o acto tamén se fará entrega dos premios a Proxectos Empresariais Cooperativos do Certame Cooperativismo no ensino 2021 na modalidade para centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia e que neste ano recoñeceron co primeiro premio ao CIFP Imaxe e Son da Coruña e co premio accésit ao IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

A gala do Día do Cooperativismo Galego estará conducida polo presentador Fran 'Cañotas' e contará coas actuacións musicais do Coro Encaixe e da banda Momboi.

Xoves, 23 June, 2022 - 10:15

Compartir