Covadonga Toca clausura en Viña Costeira o Obradoiro “Empoderamento da muller como socia da cooperativa”

- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Ribadavia ás socias de Viña Costeira que están a participar nun obradoiro sobre igualdade de oportunidades que promove a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias co apoio da Xunta.
- Toca salientou que o impulso de medidas de RSE e da economía social son prioridades da Axenda 20 para o emprego, a nova planificación da Xunta en materia laboral.
- Indicou que o Goberno galego está a ultimar a Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020 que busca incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística.
Ribadavia (Ourense), 26 de maio de 2016.- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe ás socias da cooperativa Viña Costeira que están a tomar parte no obradoiro Empoderamento da muller como persoa socia da cooperativa, que leva a cabo a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria para incentivar e impulsar a participación das mulleres na toma de decisións e nos consellos reitores das cooperativas.
A través desta iniciativa fórmase ás socias da cooperativa en aspectos relacionados coa administración empresarial como a planificación estratéxica, análise, seguimento e control de obxectivos, contas de resultados, lexislación ou habilidades directivas.
Toca explicou que se trata do primeiro dunha serie de obradoiros que responden á necesidade de aumentar a porcentaxe de mulleres con cargos no Consello Reitor dunha cooperativa e que o Goberno galego apoia a través da Rede Eusumo. “A igualdade de oportunidades xoga un papel determinante na mellora das condicións de calidade no emprego”, apuntou.
Neste senso, Toca sinalou que unha das das prioridades da Axenda 20 para o emprego, a nova planificación da Xunta no eido laboral, é activar o Plan estratéxico da RSE 2016-2020 que inclúe medidas efectivas sobre a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a conciliación familiar coa vida laboral.
O impulso da economía social é outra dos eixos principais da Axenda 20, segundo indicou a secretaria xeral de Emprego. A folla de ruta reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector. “O que se pretende é incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística que lles axude a competir”, subliñou Toca. A Xunta destina este ano 5,4 millóns de euros para fomentar a economía social con diferentes liñas de axudas entre as que a Axenda 20 inclúe o Programa Aprol para promover a contratación do sector con preto de 3 millóns de euros.
O Goberno galego está a ultimar a Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, que inclúe un total de 87 medidas co obxectivo de potenciar a competitividade e internacionalización deste sector. Ademais, recentemente aprobouse o Proxecto de Lei de economía social de Galicia que ten como principal obxectivo regular o sector, promovendo especialmente o cooperativismo xuvenil e ofrecendo grandes posibilidades para contribuír ao crecemento económico de Galicia desde o rural.
En definitiva, a secretaria xeral de Emprego indicou que a Xunta pretende potenciar ás empresas de economía social polo seu compromiso co territorio, fomentando as de base tecnolóxica e innovadora e de emprendemento industrial con atención ás destinadas ao rural. “O que pretendemos é facer unha Galicia máis integradora e equitativa”, rematou.