Clara e Eva da cooperativa 7H Cultural: “A nosa cooperativa é pioneira por unir a tantos creadores culturais e de distintas disciplinas”
Entrevista a Clara Rodríguez e Eva M. Agra, socias de 7H Cooperativa Cultural
Clara e Eva participaron en 2014, como outros artistas, en Local Disponible, un espazo do centro comercial Área Central de Santiago de Compostela que quedou baleiro como consecuencia da crise económica deste tipo de superficies nos últimos anos. Entón aproveitouse para poñer en contacto directo a cultura coa sociedade, unha iniciativa que si estaba falta de espazos. Tras a finalización deste proxecto, as dúas artistas, xunto con outras persoas, impulsaron 7H Cooperativa Cultural para reivindicar esa experiencia que xurdira dun xeito tan espontáneo.
1. Cal foi a orixe e os inicios de 7H Cooperativa Cultural?
Eva: Os inicios teñen lugar en Local Disponible, un espazo que ocupamos un mes no centro comercial Área Central de Santiago de Compostela, no que confluíron moitos artistas, exposicións, obradoiros, intervencións artísticas e conferencias. Vimos que a aceptación da xente de a pé, que non está relacionada coa cultura, foi moi boa. Entón decatámonos que a sociedade e a cultura tiñan que ir da man. Cando este espazo pechou, presentámonos, gracias ao consello de Clara, aos Premios “Emprende Gaiás-Sixto Seco”, que cada ano recoñecen proxectos innovadores de emprendedores para que se incorporen ao espazo de coworking da Cidade da Cultura. Gañamos e constituímos a cooperativa, porque en realidade queríamos crear unha empresa, non unha asociación. Agora levamos un ano e, neste tempo, fixemos moitas cousas e tamén medramos moito. De tres persoas nos inicios xa pasamos aos 50 socios e socias da actualidade, entre colaboradores e socios traballadores.
2. Sen dúbida é un crecemento moi importante e en moi pouco tempo. En que tipo de proxectos traballades actualmente?
Clara: Son todo proxectos artísticos ou de formación artística: exposicións, intervencións, comisariados, etc. Facemos tanto proxectos propios, que presentamos a distintas institucións públicas e privadas, como proxectos que nos solicitan particulares e institucións. Estes últimos poden ser espallados no tempo, como unhas xornadas ou unha exposición e proxectos puntuais e eventos, como é o caso do que fixemos para o Foro Colaborativo Polo Emprego (FOCO) de 2015, onde fixemos unha performance.
3. Tiñades expectativa de que o avance da cooperativa fora tan rápido?
Clara: A verdade é que funciona moito o boca a boca. Cando comezamos, fixeramos un plan de actuacións, pero axiña nos vimos sobrepasadas coa cantidade de xente que nos demandaba información e iso si que nos sorprendeu, porque de súpeto estabamos inmersas en moitas actividades, non remuneradas, pero que son transversais ao noso traballo, como é a asistencia a actos, presentacións, etc.
Eva: Como somos persoas creativas, adaptámonos ao momento, pero hai etapas nas que estamos moi ocupadas, polo que procuramos repartirnos e diversificar.
4. Por que o modelo cooperativo se axustaba máis aos vosos intereses?
Clara: Para nós toda a economía social é moi importante e ninguén dos que participamos neste e outros proxectos, sobre todo no eido cultural, ten en mente ser un multimillonario, senón que queren ter un salario digno e poder vivir todos os días. Ao que aspiramos é a ter uns ingresos regulares e poder traballar no que nos gusta e no que nos formamos. Entón consideramos que era a forma de empresa que máis se axustaba ao que queríamos. Na cooperativa o máis importante non é o capital, senón as persoas, que todos sexamos iguais.
Eva: E tamén cómpre destacar o traballo colaborativo entre as distintas disciplinas. Pensamos que as cooperativas son unha boa fórmula fomentando iso.
5. De feito, xa o propio sector cultural está moi ligado á sensibilidade social, non?
Clara: Nós defendemos que, na cultura, moitas veces actuamos como cooperativa ou dun xeito cooperativo, aínda que a xente non coñece os detalles desta fórmula xurídica e empresarial. Por iso, sempre animamos á Rede Eusumo a que impulse máis charlas para fomentar o cooperativismo no mundo da cultura, como a que tivo lugar na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago o pasado 7 de abril.
6. Consideras que 7H é unha cooperativa pioneira no ámbito cultural? En que sentido?
Eva: Penso que debería haber máis cooperativas culturais, dado que moitas das empresas que xa operan neste sector teñen un funcionamento máis adaptado ao dunha cooperativa.
Clara: Ou tamén está o caso de asociacións culturais que deberían ser cooperativas, pero que no seu momento non eran conscientes das oportunidades que lles ofrecía este modelo. Respecto a como desenvolvemos o proxecto de 7H, si consideramos que somos pioneiras. En Galicia non existía, como a portuguesa Árvore, un proxecto que xuntara a tantos creadores para traballar. No ámbito das artes plásticas hai cooperativas de referencia como Cestola na Cachola, que é a máis afín a nós neste aspecto concreto. Logo hai outras importantes, como O Cable Inglés, especializada na xestión cultural, e Urdime, nas artes escénicas. Pero consideramos que, co noso enfoque e interrelación de distintas disciplinas, non hai ningunha.
7. Considerades que a economía social é unha tendencia en auxe?
Clara: O feito de que as cooperativas estean moi implicadas na comunidade é o que fai da economía social unha tendencia de futuro. Se non somos máis responsables no que consumimos e mercamos costará máis superar a situación de crise. Para min a economía social non é só fundamental, senón unha solución para que sexamos máis felices e non esteamos tan pendentes de multinacionais, a maioría de capital estranxeiro.