Cincuenta escolares lucenses visitaron Feiraco para aprender sobre cooperativismo da man de AGACA e da Rede Eusumo

  • O Centro Rede Eusumo Fundación Feiraco (Ames) acolleu esta mañá a estudantes do CEIP Rosalía de Castro (Lugo).
  • Participaron nunha charla informativa e percorreron as instalacións da cooperativa láctea.
  • A actividade enmárcase na Rede Eusumo para o Fomento do Cooperativismo e a Economía Social.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2016. Técnicos de AGACA impartiron esta mañá unha xornada didáctica sobre as vantaxes do cooperativismo como fórmula de emprendemento ou de crecemento laboral e económico para medio centenar de estudantes de quinto curso de primaria do  CEIP Rosalía de Castro, de Lugo.

O alumnado aprendeu en qué consiste o modelo de negocio cooperativo e as súas vantaxes no ámbito profesional a través de varios exemplos de emprendemento e cooperativismo que se estableceron con éxito no mundo rural en diferentes campos de actividade, dende a artesanía ata o ocio ou a alimentación.

O obxectivo da actividade, enmarcada nun dos obradoiros de “Emprendemento e Cooperativas. Modelo de Negocio”, é darlles a coñecer este modelo de negocio así como mostrarlles de primeira man os pormenores do funcionamento dunha cooperativa; neste caso, percorreron as instalacións de Feiraco, dedicada ao sector lácteo.

Rede Eusumo

Fundación Feiraco funciona desde 2012 coma un dos Centros Rede Eusumo para a dinamización do emprendemento cooperativo. Asesoramento, orientación, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal definen a rede transversal de colaboración Eusumo, nacida no 2011 co impulso da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Martes, 7 June, 2016 - 17:00

Compartir