Carmen López, responsable do viveiro de empresas do CIFP Someso de A Coruña: "A fórmula cooperativa é idónea para os alumnos de ciclos formativos que queren emprender”

O cooperativismo está formado por proxectos empresariais que procuran unha mellora na sociedade, pero que leva aos seus promotores a optar por esta vía e non outra? A Rede Eusumo entrevista a Carmen López, unha profesora de ciclos de Formación Profesional que desde hai anos fomenta entre os seus alumnos a posta en marcha de empresas de economía social, como o proxecto Cuvegal, gañador do premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo de 2016 en Galicia. A través da súa experiencia descubrimos o primeiro contacto que os futuros empresarios teñen con este sector en auxe.
Cuvegal gañou o premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo de Galicia en 2016. Como xurdiu e en que consiste Cuvegal?
Cuvegal é un proxecto cooperativo de traballo asociado dedicado a deseñar e construír cubertas verdes, é dicir, tellados e fachadas vexetais. O proxecto foi creado por alumnas de Obra Civil do CIFP Someso da Coruña, que saben facer planos e deseñar técnicas en proxectos de construción, e quixeron buscar unha alternativa á construción convencional que, como todos sabemos, entrou hai anos en crise. Na procura de información, déronse conta de que en países como Francia xa é obrigatorio por lei instalar cubertas verdes en edificios, do mesmo modo que en España os edificios de nova construción deben incluír algún panel solar. A raíz diso, animáronse a emprender este proxecto e comezaron a traballar desde o minuto cero como unha cooperativa, repartíndose o traballo e cooperando. Había alumnas que eran moi boas na parte técnica e de proxecto, mentres que outras eran expertas en deseño e redes sociais e así fóronse complementando.
Cuvegal é un proxecto cooperativo pero aínda non está constituída xuridicamente como tal, verdade?
Así é. Aínda non está constituída xuridicamente como cooperativa porque as súas impulsoras están rematando a súa formación. Queren acumular algo máis de experiencia antes de iniciar a aventura empresarial cooperativa que elas mesmas deseñaron e que tanto éxito tivo, non só no Certame de Premios Cooperativos de Galicia, senón tamén na última convocatoria de EduEmprende, un concurso de proxectos empresariais no que gañaron o primeiro premio. O proxecto está ben deseñado desde o punto de vista técnico e tamén lograron moitos contactos, que se suma á colaboración que lles facilitan profesores especializados en bioconstrución.
Queren gañar experiencia previa, pero non descartan emprender o proxecto de Cuvegal no futuro.
Correcto, as súas promotoras non descartan impulsar o proxecto máis adiante, dado que é viable e xa coñecen o sector. Ademais, é un modelo de negocio que non require un gran investimento, dado que a súa sede situaríase no viveiro de empresas que temos no CIFP Someso. Elas son as deseñadoras promotoras que ofrecen o produto e servizo completo, pero a construción das cubertas serían fabricadas por unha empresa subcontratada. Tamén están en contacto cos provedores da vexetación que precisa este tipo de cubertas e fachadas, así como os provedores que poden encargarse do seu mantemento.
Cales son os principais beneficios deste tipo de cubertas?
Aparte de buscar alternativas na bioconstrución, que forma parte da economía circular, tamén déronse conta de que este proxecto reduce o impacto da contaminación nas cidades, un tema que está continuamente nas noticias e que preocupa cada vez máis á opinión pública. Un dos beneficios das cubertas verdes é que elimina a contaminación. Nun lugar como Galicia, as cubertas verdes tamén facilitan unha mellor retención e canalización da auga procedente da chuvia. Ademais, ten a capacidade de absorber o ruído e de facilitar o illamento térmico da estrutura, tanto do frío como da calor. O único inconveniente pode ser o seu mantemento, que é máis complexo e constante que o das cubertas convencionais.
Hai empresas construtoras interesadas neste tipo de cubertas e fachadas?
Si, e de feito en Galicia xa se fan cubertas verdes. Sen ir máis lonxe, na cidade da Coruña, hai importantes edificios que xa teñen cubertas verdes, como o centro comercial Espazo Coruña e o centro cultural Ágora.
Polo de agora, Cuvegal xa tivo diversos recoñecementos, entre eles o do Certame do Cooperativismo e EduEmprende. Algún máis?
Si, Cuvegal tivo tres recoñecementos. Dous son o do Cooperativismo de Galicia e o de EduEmprende, un premio que impulsa o Igape xunto coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Cuvegal tamén gañou o primeiro premio de A Coruña Emprende, un programa para a comarca da Coruña impulsado pola Consellería de Educación xunto coa compañía Alcoa. O concurso Inicia, do Concello da Coruña, é outro ao que nos presentamos, no que Cuvegal resultou finalista, recaendo o primeiro premio nun proxecto cooperativo de construción con materiais reciclados.
Cuvegal naceu do traballo cooperativo dun grupo de alumnas do CIFP Someso, pero por que optaron por esa fórmula e non outra?
Hai algo máis de catro ou cinco anos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia estaba promovendo o cooperativismo por toda a comunidade e chegou ao noso centro unha aula móbil, na que un experto explicábanos en que consistía o cooperativismo. Foi deste xeito como coñecemos outra visión do cooperativismo, máis práctica e enfocada como unha alternativa de emprendemento para os mozos, que habitualmente non dispoñen de moitos recursos. Desde entón, pareceume unha fórmula idónea e moi axeitada para os nosos alumnos que queren optar polo autoemprego. Agora sempre a temos en conta nos proxectos empresariais que poñemos en marcha. Son rapaces con moita capacidade e a cooperativa é a mellor maneira de poñer os seus coñecementos e experiencia en común.
Que perfil formativo teñen as persoas do CIFP Someso?
Concretamente os meus alumnos son técnicos superiores de Edificación e Obra Civil, que no futuro poden traballar como topógrafos e deseñadores de arquitectura. No centro tamén temos outras especialidades, como a de Peiteado e Estética. Eu propóñolles sempre que se unan e fagan un proxecto no que poidan cooperar, no que poidan ser traballadores e socios. Pouco a pouco descobren que hai moitas vantaxes ao traballar como sociedade cooperativa. A única desvantaxe é a típica do ser humano: a capacidade de relacionarse ben uns cos outros.
Cal é a reacción dos alumnos cando lles falas por primeira vez do cooperativismo? Teñen algún coñecemento previo?
Non, en xeral eles descoñecen esta fórmula. Reciben o cooperativismo como unha maneira de desenvolver un proxecto, non o ven como unha idea abstracta, dado que sempre procuro que aprendan de forma experimental e se pode ser a través da creación dun proxecto empresarial, mellor. Ao principio consideran que este tipo de proxectos transcende o ámbito puramente formativo, pero cando o rematan danse conta de que si son capaces e de que a fórmula cooperativa é útil e idónea para os seus obxectivos.
Nestes últimos anos de exploración e traballo continuo no campo do cooperativismo, como valora esta vía de emprendemento?
Cando comezamos a poñer en marcha os primeiros proxectos, tívenme que informar sobre cal era a situación do cooperativismo en Galicia, dado que sempre asociaba esta fórmula ao sector agrario. Pouco a pouco comecei a coñecer cooperativas de educación, culturais e doutro sectores. Eu transmitinlles o que había na nosa comunidade e dinme conta de que identifican marcas ou negocios concretos, pero non saben cal é a súa personalidade xurídica. Coas cooperativas, os emprendedores teñen moita liberdade para entrar e saír e as decisións que toman sempre están rexidas polos principios de democracia e solidariedade. Funcionan con valores moi importantes, que poden facer mellores persoas.