BALANCE DA REDE EUSUMO

- A Rede Eusumo conta xa con 72 entidades asociadas no que é o seu cuarto ano de funcionamento.
- No marco da Rede Eusumo constituíronse 98 cooperativas, 46 delas creadas entre o ano 2014 e o que levamos de ano 2015.
- A través da Rede Eusumo obtiveron titorización e asesoramento personalizado en materia de cooperativismo e economía social máis de 473 grupos promotores, o que supón un total de máis de 1700 persoas implicadas.
- A rede celebrou un total de 574 actividades de divulgación e sensibilización para o fomento cooperativo, a través de obradoiros, seminarios e xornadas, cunha asistencia de 8000 persoas.
- Actualmente, a Rede Eusumo conta con máis de 5000 seguidores nas redes sociais e está presente nas principais plataformas.
Dada a importancia do cooperativismo e da economía social no desenvolvemento económico de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar, por medio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, e máis concretamente a través da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, leva a cabo un labor constante de fomento e promoción do cooperativismo e da economía social na comunidade galega.
Un dos programas que se está levando a cabo dende o ano 2012, co fin de dar a coñecer a fórmula cooperativa e crear emprego de calidade, é a Rede Eusumo, unha rede destinada a unificar esforzos en materia de cooperativismo e economía social e que se estende por toda Galicia e por outras rexións do territorio español e transfronteirizas.
A Rede Eusumo pon a disposición da cidadanía ferramentas de apoio e divulgación tales como:
- Asesoramento e titorización personalizados, por parte dos técnicos de emprego da Rede Eusumo, a cooperativas e emprendedores.
- Acompañamento en todo o proceso de constitución da cooperativa.
- Actividades de divulgación e sensibilización para o fomento do cooperativismo, a través de obradoiros, seminarios e xornadas.
- Divulgación das vantaxes e características deste modelo empresarial.
Centros cooperativos de atención permanente 2015 e Oficinas de Fomento Cooperativo (OFC)
A Rede Eusumo conta con centros cooperativos de atención permanente distribuídos ao longo de todo o territorio galego. Estes centros dispoñen de persoal técnico propio en materia de cooperativismo e economía social de maneira continuada. As actividades propias dos técnicos da Rede Eusumo concéntranse na difusión, a información, a formación, a orientación e o asesoramento no ámbito cooperativo e de economía social.
O asesoramento e o acompañamento dos técnicos propios da rede comprenden proxectos empresariais cooperativos, dende a maduración da idea de negocio, ata a posta en marcha do proxecto e o acompañamento nas primeiras etapas de vida deste. Ademais, préstaselles apoio directo ás cooperativas xa constituídas en materia societaria, asesoramento de novos proxectos, comercialización de produto ou desenvolvemento e introdución nas TIC.
Os centros cooperativos de atención permanente postos a disposición da rede pola Consellería e polas entidades colaboradoras durante o ano 2015 son os seguintes:
- Fundación Terra de Trasancos – Cooperativa O Val (O Val, Narón). Área de influencia: norte da provincia da Coruña.
- Fundación Feiraco (Ponte Maceira, Ames). Área de influencia: provincia da Coruña, zona central.
- Confederación de Empresarios de Lugo (Lugo). Área de influencia: provincia de Lugo.
- Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Ourense (Ourense). Área de influencia: Ourense cidade.
- Centro de desenvolvemento cooperativo transfronteirizo de Verín (Verín, Ourense). Área de influencia: leste da provincia de Ourense e Portugal.
- Fundación Coren (Rozamonde, Cenlle). Área de influencia: oeste da provincia de Ourense.
- Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo (Vigo, Pontevedra). Área de influencia: norte da provincia de Pontevedra.
- Cámara de Comercio de Tui (Pontevedra). Área de influencia: sur da provincia de Pontevedra e norte de Portugal.
Como puntos de información e asesoramento están tamén as Oficinas de Fomento Cooperativo (OFC). As OFC dependen de mancomunidades e agrupacións de concellos que contan cun técnico de cooperativismo propio de maneira permanente. Estes técnicos encárganse do desenvolvemento das seguintes accións no ámbito local da súa OFC: difusión, información, formación, orientación e asesoramento no ámbito cooperativo e de economía social.
O número de oficinas de fomento cooperativo é de 18 e o seu ámbito directo de actuación abrangue o territorio de 103 concellos de toda Galicia.
A Consellería de Traballo e Benestar apoia as accións, as actividades e os técnicos das OFC a través de axudas directas a este tipo de entidades.
As entidades colaboradoras da Rede Eusumo
As entidades colaboradoras son as que teñan interese no desenvolvemento da economía social, no apoio ao emprendemento ou no desenvolvemento local e que soliciten a súa adhesión, poñendo a disposición da rede algún dos medios e os recursos dos que dispoñan, tales como infraestruturas e servizos. Entre as entidades que poden adherirse están as Administracións públicas, as asociacións de entidades de economía social, as sociedades cooperativas galegas, as fundacións e asociacións e as universidades, as cámaras de comercio, as organizacións profesionais, empresariais e sindicais, así como outras entidades sen ánimo de lucro.
O número de entidades colaboradoras ascendeu no que levamos de ano 2015 a 72, o que supón 31 socios novos adheridos entre o 2014 e o que levamos de ano 2015, algún deles situados fóra da nosa comunidade. Entre estas entidades atópanse cámaras de comercio, universidades, asociacións, fundacións, deputacións, sociedades cooperativas galegas, oficinas de fomento cooperativo, concellos, asociacións vinculadas co emprendemento, Administración autonómica, asociacións de cooperativas, asociacións de desenvolvemento rural e asociacións de economía social.
Actividades da Rede Eusumo
Como se mencionou anteriormente, a través da rede foméntase o cooperativismo en todos os niveis, dende a divulgación dos valores que representa o traballo colaborativo nos centros de ensino, como a realización de actividades de divulgación e sensibilización para o fomento do cooperativismo, ata o acompañamento e o asesoramento a cooperativas ou proxectos cooperativos.
Dende a súa constitución a Rede Eusumo levou a cabo accións de titorización e asesoramento personalizado en materia de cooperativismo e economía social a máis de 473 grupos promotores, o que supón un total de máis de 1700 persoas implicadas. Estas accións de titorización e asesoramento permitiron a constitución de 98 cooperativas no marco da rede.
En relación coas actividades de divulgación e sensibilización, a Rede Eusumo leva impulsadas máis de 574 actividades para o fomento do cooperativismo, o emprendemento e o autoemprego, a través de obradoiros, seminarios e xornadas, cunha asistencia de máis de 8000 persoas. Estas actividades dirixíronse a público de diversa índole, dende persoas interesadas na economía social ata cooperativistas de moitos anos de experiencia que pretenden mellorar a súa implantación no mercado.
Ademais das actividades descritas, a Rede Eusumo participa anualmente noutros actos co obxectivo de dar maior difusión e promoción ao cooperativismo, entre os que pode destacarse a Semana Verde de Silleda, a participación na feira de emprego PonteEmprego e a Feira do Moble na Estrada, o ciclo de eventos Motivación Emprendedora organizado pola CIP Coruña, o Programa YUZZ emprendedores, o I Encontro Europeo de Prácticas de Cooperativas, Cooperland, o programa Networking Galicia, o Salón Internacional Xantar en Ourense, o Fórum Gastronómico da Coruña, entre outros.
Dentro do plan de actuación 2014-2015 tamén se elaboraron seis novos manuais divulgativos e formativos en materia de cooperativismo. Cada un deles ten un público destinatario diferente, co que se cobren así as diferentes necesidades que xorden no proceso de elaboración dun proxecto baixo a fórmula da economía social.
Por último, cómpre destacar que se está a traballar tamén na mellora da imaxe do cooperativismo en Galicia. Proba disto son os máis de 5000 seguidores cos que conta a Rede Eusumo nas distintas plataformas nas que está. Actualmente, estase traballando en catro plataformas, Facebook, Twiter, Tuenti e Youtube, e búscase ampliar esta presenza con perfís en Skype e Google Plus.
Para máis información:
Tlf: 981 55 80 08
info@eusumo.coop
www.eusumo.coop