Axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios

A Consellería de Medio Rural publica as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para a anualidade 2024.
Quen pode solicitar estas axudas?
Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou a comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, entre as que se atopan as cooperativas agrarias galegas.
Que requisitos deben cumprir os investimentos?
Para a concesión e/ou pagamento das axudas, os investimentos e instalacións deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:
- En materia de ambiente:
- No caso de proxectos de investimento relativos a instalacións xa existentes, o solicitante deberá acreditar para a concesión da axuda que realizou a comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e que presentou toda a documentación requirida, ou ben, no caso de instalacións anteriores á entrada en vigor da devandita lei, que dispón de licenza de actividade.
- No caso de proxectos de investimento que precisen unha avaliación do impacto ambiental conforme o establecido na Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental, o solicitante deberá acreditar a súa dispoñibilidade e sentido favorable para o pagamento final da axuda.
- En materia de sanidade e benestar animal:
- No caso de investimentos relativos a instalacións xa existentes, deberá acreditarse coa solicitude de axuda que as referidas instalacións dispoñen de rexistro sanitario e que cumpren, de ser de aplicación, a normativa de benestar animal e a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.
- Para o pagamento das axudas, o beneficiario deberá acreditar tras a execución dos investimentos que dispón de rexistro sanitario actualizado ou vixente, así como, de ser de aplicación, que cumpre a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.
- Non se concederán axudas a investimentos iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento a data en que se produza, en primeiro lugar, ben o inicio das obras de construción relativas aos investimentos, ou ben o primeiro compromiso xuridicamente vinculante para realizar un pedido de equipamentos ou servizos ou calquera outro compromiso que faga irreversible o proxecto.
- Para as axudas en forma de subvencións, os investimentos subvencionables deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade correspondente á convocatoria a que concorre a solicitude, e será establecida en cada convocatoria anual.
- Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas coa solicitude de axuda.
As axudas consistirán en subvencións, cuxa concesión se efectuará mediante concorrencia competitiva, así como en garantías para préstamos destinados a financiar os investimentos, cuxa concesión se efectuará mediante concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda poderán incluir soamente unha destas dúas modalidades de axuda, ou ben conxuntamente as dúas, xa que son combinables entre sí nas condicións indicadas nesta orde.
Ata cando se pode presentar as solicitudes?
O prazo de presentación de soliciudes para as subvencións desta convocatoria remata o 5 de febreiro do 2024.
O prazo de presentación da solicitudes de préstamos garantidos desta convocatoria finalizará o día 29 de marzo de 2024.
No caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras.
Estas solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
Antes de facer a solicitude, consulta a orde completa.