Arturo Montaos, socio traballador e cofundador de Nova Aseconia: “O modelo cooperativo é ideal para a creación e crecemento de empresas construtoras”

En 2011, Nova Aseconia naceu da iniciativa e esforzo de tres traballadores do sector da construción e, en menos de sete anos, xa conta con 8 socios traballadores e 14 traballadores en total, con intención de aumentar o equipo en breve para integrar novos perfís profesionais relacionados coa súa actividade. Arturo Montaos explícanos como xurdiu este proxecto e detalla as súas principais particularidades, identificando as vantaxes de abrir este ámbito ao mundo cooperativo.

 

Un dos aspectos máis peculiares da cooperativa. Cal é a orixe de Nova Aseconia?

É un nome que fai referencia ás orixes de Santiago de Compostela, sen embargo, hai bastante controversia respecto dos detalles. Segundo determinados expertos, Aseconia foi un primeiro núcleo de poboación que posiblemente xurdiu onde estaba a Catedral de Santiago, nunha “massió” romana. Puido ser un nó de comunicacións que explica o nacemento da cidade, aínda que isto é unha interpretación miña, pero que non está escrito. O nome “Nova Aseconia” é unha especie de metáfora e explico por que. En Santiago sempre houbo unha gran forza do poder eclesiástico e, de feito, o seu nome está en parte vencellado ao descubrimento do Apóstolo Santiago. A denominación da nosa cooperativa débese ao feito de buscar vías para ordenar a sociedade civil creando vínculos de unión a través de fórmulas como o cooperativismo.

 

Cando naceu Nova Aseconia e por que se constituíu mediante a fórmula cooperativa?

Constituímos a cooperativa a comezos do ano 2011, polo que estamos a piques de celebrar o noso sétimo aniversario. A priori tiven que convencer aos outros dos socios cofundadores para emprender este proxecto. Tiña claro que non quería posuír unha empresa e volverme un construtor no sentido convencional, porque iso supoñía asumir toda a responsabilidade. Ademais, quería crear unha estrutura máis grande onde eu non fora indispensable.

 

Polo tanto, o obxectivo era repartir responsabilidades pero emprendendo ao mesmo tempo, unha vantaxe que ofrecen as cooperativas.

Exacto. E aínda estamos nese proceso, xa que agora queremos incorporar novos perfís profesionais á cooperativa: unha aparelladora, un decorador, xestores de alugamentos e persoal de oficina que contribúa a coordinar os labores de obra e rehabilitación no exterior.  Durante os primeiros anos, ata que fomos seis ou sete traballadores, só eu desempeñaba tamén tarefas de oficina, pero agora xa somos 14 traballadores estables en obra e dous na sede central. O desexo é seguir aumentando, xa que consideramos que é necesario un encargado e director de obra, de contabilidade e un arquitecto técnico.

 

Buscades sobre todo socios traballadores?

Si, a priori o que buscamos son socios traballadores. Ao contrario dun traballador por conta allea, que desenvolve o seu labor durante uns meses e logo pode pasar ao desemprego, en Nova Aseconia propoñemos estabilidade ás persoas que se incorporan. É certo que non terán as condicións de paro que un asalariado, pero por este motivo intentamos garantir unha carteira de proxectos que nos permitan manter a actividade durante anos. A iso hai que sumar o capital social que cada socio traballador achega, que pode recuperar ao marchar da cooperativa. Nova Aseconia está constituída como cooperativa no Réxime de Autónomos por unha cuestión puramente económica, dado que no sector da construción competimos directamente coa economía mergullada e cun mercado laboral no que, onde antes había un traballador por conta allea, agora hai un autónomo. Esta era a única forma de ser viables debido á dinámica do sector. Pero esta realidade tamén ten a súa parte positiva: dado que moitos traballadores da construción son autónomos, o cooperativismo é unha vía de gran interese para crear estruturas que lles ofrezan protección e maior estabilidade. Isto é o que facemos en Nova Aseconia: crear unha estrutura que protexe ao autónomo e facilita o acceso a maquinaria e máis vantaxes. No noso sector as cooperativas son ideais. E a cooperativa permítenos, ademais, facer economías de escala, amortizando custos que non aumentan a pesar de incorporar a máis persoas, como son os gastos de xestoría.

 

O cooperativismo en Galicia diversificouse moito nos últimos anos pero, precisamente, un dos aspectos máis curiosos de Nova Aseconia é o sector no que desenvolve a súa actividade, aínda pouco aberto ao cooperativismo. Cal é a vosa experiencia neste sentido?

Ao contrario que as cooperativas consultoras ou culturais, nós temos que vencer outro tipo de resistencias, propias do noso sector. Cando noutros sectores a convicción ten unha gran importancia para a maioría dos socios traballadores, na construción pesan moito as motivacións económicas. A maioría únense porque ven que o proxecto ten recursos e é viable. E, neste punto, desenvolvo parte do meu labor: demostrar a seguridade laboral e que traballamos a medio prazo cunha carteira de contratos suficiente. Debido á nosa condición de cooperativa, aquí non se despide aos traballadores cando remata a carga de traballo. Aquí todos compartimos responsabilidades e garantías.

 

Gran parte do voso negocio céntrase na rehabilitación. É unha actividade máis estable que a construción sen máis?

Si. Na nosa orixe, a principal actividade non era a rehabilitación porque tiñamos que abrirnos oco no mercado. Comezamos facendo arranxos, moi pouco a pouco, traballando directamente co cliente final, nas aldeas da área metropolitana de Santiago. Sen embargo, desde as orixes, si pensamos a estrutura da empresa e fixemos os investimentos necesarios coa intención de dedicarnos na rehabilitación a medio e longo prazo, xa que a rehabilitación supón un traballo integral e máis completo. A medida que fomos aumentando a nosa capacidade, pasamos de obras parciais a integrais. Estas obras de rehabilitación permitíronnos ter unha maior perspectiva e gozar dunha maior sensación de seguridade, xa que antes nunha obra apenas traballábamos tres semanas e agora o proxecto pode durar un ano e medio.

 

Como se produciu esa expansión?

Un dos aspectos máis positivos das cooperativas é que o propio traballador é un socio que ten no seu círculo acceso a negocio a través das persoas da súa contorna social. E ese círculo vaise abrindo cada vez que se realiza un novo proxecto gracias, en gran medida, á publicidade do “boca a boca” ou “word of mouth” na súa expresión en inglés. Se a isto lle sumamos que son tres persoas as que crean inicialmente a empresa, a expansión pode acelerarse debido aos círculos que achega cada un deles. Así foi como pasamos de tres socios traballadores aos oito na actualidade, aos que se suman o resto de persoas empregadas en Nova Aseconia. Debido a isto, a nosa expansión tamén ten moito que ver coa satisfacción e prescrición dos nosos clientes, que consideramos unha estratexia de notoriedade moi importante para o noso crecemento. 

 

Nova Aseconia apoia os valores cooperativos nalgunha das súas obras de rehabilitación, como se pode comprobar en pleno casco histórico de Santiago de Compostela.

Este tipo de comunicación facémola principalmente por dous motivos: o primeiro, tocar un sector social comprometido e que teña valores e, segundo, atraer novos socios, o cal recoñecemos que non é un proceso sinxelo, dado que a maioría das persoas queren traballar por conta allea. Cando se trata de participar como socio, a xente ten un gran medo a ser enganada. Sen embargo, aparte da faceta emprendedora, en Nova Aseconia implantamos unha xornada laboral seguindo o modelo alemán, con xornada continua ata as 18.00 h. Iso si, os traballadores de Nova Aseconia comprométense a non facer traballos fóra do noso horario, que tamén está compensado co cobro dun salario superior á media do mercado. 

 

Como valora o cooperativismo?

O cooperativismo funciona dentro do capitalismo, pero tamén cambia tendencias. E, a nivel operativo, do día a día, supón máis beneficios para os clientes, xa que a nosa forma de funcionar máis humana tradúcese nunha mellor experiencia do cliente e nun incremento do negocio.

Venres, 2 December, 2016 - 11:15

Compartir