Antía Pousa da Sociedade Cooperativa Galega Xeracción: “A fórmula cooperativa é a alternativa máis coherente no noso obxectivo de lograr un mundo máis amable

Xeracción é unha cooperativa de recente traxectoria que se dedica a desenvolver proxectos de participación social e comunitaria (como por exemplo, os orzamentos participativos dun concello), tanto para entidades públicas como privadas. Ademais, está especializada en servizos de mediación, de consultoría, de xénero e de orientación psicolóxica individual e grupal, entre outros. Nesta entrevista coñecemos por que é tan importante o labor que realizan.

1. Xeracción xurdiu, entre outras razóns, para mellorar a sociedade a través do deseño e creación de procesos participativos. Por que é clave socializar a partir da participación?
Xeracción non xorde dun xeito casual, senón como revulsivo para incentivar unha sociedade máis participativa e onde primen menos o individualismo e a competencia. Cando constituímos a cooperativa hai algo máis de ano e medio, consideramos que era o momento ideal para a reformulación do proceso de socialización. Observamos que a participación podía ser a ferramenta para avanzar dun xeito máis seguro e que cada persoa formara parte desta evolución.
O noso labor é detectar cales son os problemas e as correspondentes alternativas para solventalos. Porque moitas veces as solucións que nos veñen dadas non son as máis axeitadas. Por iso é tan importante socializar a partir da participación.

2. Considerades que as persoas non temos o hábito de traballar cun enfoque participativo. A través de que fórmulas o podemos conseguir?
Está claro que a participar se aprende participando. E se non temos ferramentas na nosa vida cotiá para participar non vai ser tan sinxelo, xa que non sabemos como facelo. Pouco a pouco as entidades públicas e privadas teñen que ir creando eses espazos de participación colectiva para que o saibamos facer no momento oportuno.
Pero en que se concreta todo isto? Poñamos como exemplo unha escola. Esa visión dos nenos e nenas sentadas en cadeiras esperando a que a mestra ou mestre lles diga o que hai que facer xa está mudando. Teño un fillo de cinco anos que, desde que entrou no colexio con tres, a súa mestra organizaba unha pequena asemblea para debater como ían organizar a mañá. As fórmulas para acadar os obxectivos de cada día decidíanse de forma colectiva e participada. E votábanse esas opcións para conseguir un consenso. Neste caso, non se executa unha orde, senón que cada persoa forma parte dalgo. E a participación nun proxecto común sempre é máis satisfactoria que cumprir unha orde.

3. Xeracción está impulsada por un equipo multidisciplinar de profesionais, que se reflicte nos servizos que ofrecedes. Hai proxectos nos que podedes interrelacionar estas áreas de actividade para aproveitar as súas sinerxías?
Absolutamente. Desde o principio si tiñamos uns roles definidos e a realidade demostrounos que todo o noso traballo, desde as distintas perspectivas, acababa sendo un labor de facilitación de procesos, de acompañamento, de crecemento persoal e colectivo.

4. Na vosa traxectoria como cooperativa, hai algún proxecto que vos gustaría destacar?
Na cooperativa estamos dacordo en que hai un proxecto no que investimos moito tempo, esforzo e cariño, que é o programa Nexos, que desenvolvemos coa Concellería de Igualdade do Concello de Ourense, e que vai destinado a mulleres superviventes de violencia machista. É o proxecto que máis nos enorgullece e que saca o mellor de nós.

5. Con que tipo de iniciativas ou proxectos traballades máis a gusto?
Hai un ámbito que nos satisface por encima dos demais, que é o traballo con mulleres. Na nosa traxectoria, comprobamos que o 98% das persoas que participa nos proxectos nos que nos involucramos son mulleres. Con elas obtemos resultados de forma inmediata e sentímonos moi a gusto traballando. No futuro gustaríanos continuar mantendo este enfoque.

6.Considerades que a economía social é o mellor modelo para emprender porque se basea na cooperación. Como valorades a vosa experiencia cooperativa ata agora?
Moi positiva. A verdade é que pensamos que era a única alternativa coherente co proxecto que iamos desenvolver. Permitíanos antepor o concepto de comunidade fronte ao individualismo nesa transformación do proceso socializador e así obter un mundo máis amable.

XERACCIÓN EN DATOS

Ano de creación: maio 2017
Nº de persoas socias traballadoras: 4
Ámbitos de actividade:
-Participación e dinamización comunitaria
-Consultoría de xénero
-Mediación
-Atención e orientación psicolóxica individual e grupal
-Políticas sociais
Web: https://xeraccion.com

 

Venres, 1 February, 2019 - 13:00

Compartir