“O 82% das cooperativas adheridas a Sinerxia están nunha etapa de mantemento e crecemento”
Entrevista a Celso Gándara, presidente de Sinerxia
Celso Gándara acumula máis de 25 anos adicados ao sector da economía social, unha traxectoria na que destaca a súa vinculación profesional a Algalia, S. Coop. Galega, una empresa cooperativa da que é xerente e que ten como misión contribuir a mellorar a xestión e dirección no terceiro sector a través dos seus servizos profesionais. Antes de ocupar a xerencia de Algalia en 2009, ocupou diferentes postos, entre os que destacan o de asesor económico durante dez anos e outros seis como responsable de consultoría e consultor de organización. Na actualidade, tamén asume a presidencia da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado de Galicia (UGACOTA) e da Federación Sinerxia.
Como ve a situación actual das empresas de economía social en Galicia?
En primeiro lugar, as empresas de economía social en Galicia están aguantando a crise, polo menos aquelas que están asociadas á nosa federación. Nos últimos catro anos creáronse 200 cooperativas e máis de 800 postos de traballo directos. Neste senso, a Rede Eusumo está contribuíndoa acadar esos resultados, convertíndose nun exemplo de políticas públicas aliñadas cos intereses e a realidade do sector.
Cal é o peso específico de Sinerxia na economía social galega?
As 186 entidades e sociedades adheridas a Sinerxia teñen unha facturación de 72 millóns de euros, das que o 82% asegura atoparse nunha etapa de mantemento ou crecemento. En total Sinerxia representa a uns 3.000 socios e 850 traballadores. Ademais dos nosos propios datos, o que si nos gustaría é contar con información máis detallada sobre o peso da economía social no conxunto do tecido produtivo galego aparte da que xa proporciona a Rede Eusumo, aínda que esperamos que a nova Lei de Economía Social impulse todo tipo de estatísticas neste campo.
Sinerxia representa a cooperativas de diferentes ámbitos, como é o día a día desa convivencia?
É moi cordial e espontánea. Todos os membros somos cooperativas e hai trazos comúns, como o desenvolvemento de empresas cooperativas, tramitacións lexislativas, etc. As relacións son moi naturais debido tamén ao arraigamento moi forte á pertenza cooperativa. As diferencias están ligadas ás singularidades do sector económico no que opera cada empresa.
Precisamente no 2016 estanse dando pasos para o proceso de integración das asociacións agrupadas en Sinerxia.
Así é. Despois de 15 anos por separado consideramos que é máis operativo ter unha única estrutura para representar mellor os nosos intereses. Hai referentes noutras comunidades autónomas de procesos similares e observamos que é una tendencia en auxe.
O propio nome da federación xa é moi evocador desa cooperación. Cales son algunas das sinerxias máis destacables entre as asociacións federadas?
Acumulamos unha tradición histórica de participación en proxectos europeos, así como a coordinación interna dos diferentes profesionais e a cooperación con múltiples empresas de economía social.
Que beneficios pode achegar unha cooperativa a unha persoa que quere emprender o seu propio negocio?
A cooperativa é unha fórmula de emprendemento colectivo, é dicir, para máis dunha persoa. Na filosofía cooperativa hai vantaxes competitivas, entre as que destaca a soberanía dos socios e traballadores sobre o capital. Asegúrase o control democrático dos órganos de control e xestión, a participación nos resultados e beneficios fiscais e da Seguridade Social que poden impulsar o emprendemento.
Cales son os proxectos nos que traballa Sinerxia?
Temos experiencia avalada por anos de estar impulsando proxectos de emprendemento e asesorando na creación de cooperativas. Pero non só axudamos aos empresarios na fase inicial, senón que tamén lles asesoramos para que acaden a consolidación. Cada vez é máis importante que as cooperativas existentes se dimensione para acceder a novos mercados e servizos. Nós formamos parte do equipo fundador de Coop57 Galicia, unha entidade que naceu para ser un instrumento de financiamento para a economía social.
Considera que a economía social é unha tendencia en auxe?
É un fenómeno moi incipiente, aínda que cunha gran raíz histórica, que está collendo forza e unha mostra é a tramitación da Lei de Economía Social de Galicia. Unha das principais tendencias deste proceso é a superación da maneira que tiñamos de organizarnos no cooperativismo, xa que agora se enfatizan os seus puntos en común con outras modalidades, como as sociedades laborais, os centros especiais de emprego ou as empresas de inserción. Ademais, ante outros sectores económicos e sociais está chamada a convertirse nun sector con entidade propia. Outra tendencia é a necesidade cada vez máis imperiosa das empresas de economía social de gañar tamaño para acceder a novos mercados e servizos. A isto habería que sumar a innovación e a configuración de fórmulas incipientes de cooperación, como o proxecto “Galicia Economía Social Creativa”, O Tendal e Coop57.
Tende a economía en xeral cara un modelo máis colaborativo?
Consideramos que si vai nesa dirección. No caso de Sinerxia, a colaboración e intercooperación son dous nomes que están no noso ADN. Sobre o terreo hai que ver como as diferentes entidades somos capaces de levar adiante esa cooperación, pero non cabe dúbida de que é unha riqueza que se está xerando dende o propio cooperativismo.