Óscar Senra, da cooperativa MaOs: “A innovación cultural é facer unha achega máis social e participativa aos proxectos”

A idea de facer unha cooperativa agromou en 2012. Cales foron os seguintes pasos ata chegar a MaOs?
Hai tempo que non respondo a esta pregunta, así que preciso pensala (risas). Empezamos a miña compañeira María e eu. Cada un tiña o seu respectivo traballo, pero non eran especificamente da nosa área ou o que realmente queríamos facer. Tiñamos un interese común na etnografía, no traballo de campo, na antropoloxía e na xestión cultural en xeral. Tras numerosas conversas, chegamos á conclusión de que estaría ben intentalo. Despois démonos conta de que nos faltaba un terceiro perfil profesional e pensamos en Xiana, a nosa terceira socia, unha xornalista que nos completaba moi ben. E decidimos despois que a nosa figura empresarial ideal sería a cooperativa, porque ten unha estrutura horizontal, igualitaria. Decidido isto, concretamos unha batería de proxectos que nos gustaría facer, non tanto pensando se nos reportarían moitos cartos e na viabilidade, senón centrándonos no que queríamos facer. Máis adiante seleccionaríamos o que nos parecía máis viable.
Como foron eses comezos?
Recibimos unha axuda da Xunta de Galicia pola incorporación á cooperativa dos socios promotores. Tivemos moita sorte porque logramos un primeiro proxecto que realizamos conxuntamente con outra cooperativa, Feitoría Verde, que foi o “Rural Activo” en Pontevedra. Este foi o proxecto que impulsou definitivamente MaOs.
Sodes un equipo con perfís profesionais variados. Traballades sempre xuntos nos proxectos achegando as vosas visións?
Si, normalmente traballamos todos no mesmo proxecto, aínda que cada proxecto ten unha persoa coordinadora.
As vosas accións sempre teñen como obxectivo que a sociedade galega entenda o patrimonio cultural. Como se consegue iso e que entendedes por innovación cultural?
Incluímos o concepto de innovación porque queríamos desvinculalo do que é a innovación tecnolóxica. Pensamos que o noso proxecto tiña que facer algo distinto e, no caso do patrimonio cultural, optamos por facer unha achega máis social e participativa. De todas formas é unha cuestión metodolóxica, xa que todos os proxectos parten de entrevistas coas persoas, que son as que definen o que é patrimonio ou non. Partimos dunha perspectiva diferente, non só dos Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOM) catalogando o patrimonio material, senón que queremos centrarnos no patrimonio inmaterial e en traballos de memoria onde son as persoas as que escollen o que é relevante para elas. Para nós isto xa é innovación.
Que proxectos destaca dos realizados ata agora?
O máis importante en todos os niveis foi o do Patrimonio do Xurés, un proxecto que realizamos con Feitoría Verde. Foi unha licitación da Consellería de Medio Ambiente que tivemos a sorte de gañar. Consistiu nun proxecto de sete meses no que tiñamos que elaborar publicacións, documentais, que fixemos a medias con Illa Bufarda, e outros materiais. Foi un traballo moi intensivo e enriquecedor e cremos que o resultado final foi bo, xa que a xente sentiuse identificada. Outro proxecto que consideramos moi importante é “A memoria das mulleres”, do Concello de Pontevedra, no que somos só unha parte do equipo xeral. Xa levamos tres anos traballando neste proxecto, participamos nas súas publicacións, fixemos contidos, pero sobre todo, o máis importante foi o traballo de campo, entrevistando ás mulleres das parroquias do Concello.
E os proxectos en marcha e en previsión?
Acabamos de comezar un proxecto moi bonito que se chama “Pontevedra Literaria”, cuxa finalidade é elaborar un inventario e un mapa literario do Concello de Pontevedra. Agora mesmo estamos rematando o proxecto “Arrolos de Rianxo”, no que o traballo de campo é realmente importante, porque estamos recollendo arrolos que se cantan no Concello, catalogándoos para que, no futuro, se edite un disco musical con eses arrolos para fomentar o seu uso entre a poboación, que é algo que está quedando en bastante desuso.
En que estado se atopa o proxecto “Granxa de Servizos”?
Foi a primeira idea que tivemos. MaOs naceu co obxectivo de non ser unha empresa que queira medrar, senón unha plataforma que queira colaborar con outras empresas e persoas autónomas. Tiñamos moi boa relación con cooperativas como Feitoría Verde e En Común, polo que, a través de Granxa de Servizos, distintos profesionais podíamos intercambiar servizos dunha forma amable, non competitiva, presentarnos conxuntamente a proxectos e ampliar a nosa oferta á clientela. Moitos proxectos e colaboracións saíron de aí. Leva un tempo parada pero con intención de retomala un pouco máis adiante.
Sodes unha cooperativa con sensibilidade e que participa noutras iniciativas e entidades, como foi no seu día Ugacota e agora Espazocoop.
Gústanos estar en rede e colaborar o máximo posible. Neste momento, debido á nosa gran carga de traballo, colaboracións con entidades e proxectos colectivos como Espazocoop, Batefogo e Reas Galiza, son puntuais, pero sempre estamos dispostos a participar neste tipo de iniciativas. Tamén somos socios de Eticom, unha cooperativa de telefonía ética.
Recomendaría a economía social como fórmula empresarial?
Si, creo que, se queremos construír unha sociedade máis xusta, equilibrada e igualitaria, é necesario apostar pola economía social e solidaria. Como membros de MaOs, o primeiro que facemos é mirarnos no espello e intentar ser o máis xustos connosco de forma que así o sexamos cara a sociedade. Intentamos ter unhas condicións boas de traballo e partir da xustiza interior.