Envoltas pola economía social

A que nos referimos cando falamos de economía social? O primeiro que nos vén á cabeza cando escoitamos o termo é unha amálgama de conceptos como ética, equidade, autonomía, democracia, cooperación... pero non acabamos de concretar unha idea ben clara e precisa de que é iso da economía social. O descoñecemento do termo implica, por extensión, o descoñecemento dos tipos de empresas e entidades que forman parte del.

En Galicia a economía social inclúe máis de 300 000 persoas, así que é probable que coñezas  alguén que forme parte dela, pero non o saibas. Seguro que escoitaches falar dalgunha das máis de 1300 cooperativas espalladas por todo o territorio, como Coren, Feiraco, Nosa Enerxía ou Amegrove; e seguro que liches na prensa que o seu número non para de medrar na nosa comunidade autónoma. As cooperativas son unha das caras máis visibles da economía social, pero hai moito máis detrás porque inclúe outras fórmulas, como as sociedades laborais, mutualidades, centros especiais de emprego, empresas de inserción, confrarías de pescadores, fundacións e asociacións ou comunidades de montes.

Propoñemos un exercicio sinxelo, durante un día cataloga todas as empresas coas que interactúas a través dos seus produtos, bens e/ou servizos. Pertencen ou non á economía social? Así poderás facerte unha idea do impacto que este modelo económico ten na túa vida e descubrirás que non só está presente ao longo de toda a cadea produtiva, senón que se atopa en practicamente todos os sectores de actividade (seguros, vivenda, turismo, deporte, cultura, agricultura, pesca, reciclaxe, educación, banca etc).

O leite do café que tomas cada mañá seguro que é dunha cooperativa agraria como Granxa O Cancelo, que tamén ten eses xeados tan incribles baixo a marca Bico de Xeado. O polbo que preparou a túa tía na casa esta fin de semana tiña o selo Pulpo de Lonja, un proxecto no que participan de xeito colaborativo as mariscadoras da Confraría de Pescadores de Lira, as confrarías de Muros, Lira, Fisterra e Porto do Son, e a cooperativa Pulponor S. Coop. Galega.

O caderno que comprou a túa irmá foi feito por membros dunha asociación de persoas con discapacidade e o concerto de Sés do venres estivo organizado pola cooperativa Cunde. Recordas aquela mesa tan bonita do piso do teu primo? Pois comprouse en Troco Solidario S.L., unha empresa de inserción de Compostela que restaura mobles e outros produtos para despois vendelos. Tamén as flores que adornaron o salón do concello na voda á que fuches o outono pasado son resultado da economía social, pois cultiváronse nos invernadoiros do centro especial de emprego Aceesca do Porriño.

cooperativa Numax fixo posible que a película francesa que viches o mércores na súa sala estivese subtitulada ao galego. Por certo, que este proxecto existe grazas ao apoio de Coop57, unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios que avalou a Numax nos seus inicios. E, xa por ir rematando, recordas aquela amiga da infancia que quedou no paro en 2010? Pois atopou traballo en Arteixo grazas ao programa de orientación laboral da Fundación Ronsel. 

Mais de 300 000 persoas viven da economía social en Galicia, así que é imposible que non te atopes con ela a cada paso.

Apoiar este tipo de economía supón fomentar un modelo ligado ao territorio a nivel social e ecolóxico, que busca xerar unha práctica económica alternativa e solidaria, desde a produción ao financiamento, pasando polo comercio e o consumo. O seu avance é imparable, por iso cómpre falar dela con propiedade e tomar consciencia das nosas decisións como persoas consumidoras. Estou a consumir un produto froito da economía social? Estou a gozar dun servizo creado por ela? Apostar polas empresas que se definen polos seus criterios sociais e ambientais, que promoven a sustentabilidade e buscan outras opcións de consumo que empoderen o consumidor é o primeiro chanzo da escaleira cara a unha transformación social que porá no centro as persoas.

Entre os valores da economía social destacan:

  • Importancias das persoas: os beneficios non só se estiman en termos económicos, senón tamén de desenvolvemento persoal. As persoas son o eixe central e esencial. 
  • Democratización da economía: fomentar e facer posible a participación activa do persoal no control da actividade empresarial. As persoas socias e as traballadoras son as protagonistas dun proxecto que se xestiona de xeito transparente, democrático e participativo.
  • Emprego de calidade e estable: un dos principais eixes da economía social é o de crear e consolidar o emprego.
  • Formación continua: desenvolver as capacidades organizativas e creativas das traballadoras e os traballadores é o mellor xeito de formar persoal cualificado capaz de participar activamente na toma de decisións e na xestión da empresa.
  • Compromiso coa contorna onde se asentan e coa sociedade: integrarse na vida comunitaria como clave para un desenvolvemento sustentable de carácter económico, social e medioambiental. 
  • Calidade de vida: garantir a calidade de vida dos traballadores e traballadoras.

Utopía? A economía social está a demostrar que outra forma de aplicar a economía é posible. Está medrando, consolidándose, xerando emprego, facturando e abríndose a novos sectores. Así que o menos que podemos facer é coñecela e recoñecela, porque está creando un novo xeito de entender a economía e os negocios baseado na confianza, na cooperación, na transparencia e no respecto ao medio. En definitiva, poñendo no centro das decisións as persoas.

 

Xoves, 9 November, 2017 - 06:15

Compartir