A Rede Eusumo promove o emprendemento no ámbito rural entre o alumnado do Concello de Cee
O Concello de Cee levou a cabo unha actividade divulgativa dedicada á economía social centrada no emprendemento no ámbito rural. O evento estivo dirixido e dinamizado por un técnico especializado en materia de economía social, encargado de fomentar e apoiar a persoas emprendedoras e con inquedanzas que acoden á Rede Eusumo, unha rede promovida pola Xunta de Galicia para impulsar e constituír os seus proxectos.
A xornada centrouse en trasladar as principais particularidades e características das entidades de economía social, principalmente das cooperativas e sociedades laborais, xa que son as entidades máis numerosas na comunidade galega. Para o seu coñecemento práctico empregáronse exemplos de entidades galegas cunha boa traxectoria dende o seu nacemento.
O evento reuniu máis de 70 persoas, entre as cales se atopaba alumnado dos ciclos medios de Administración e de Coidados Auxiliares de Enfermería do IES Fernando Blanco e o IES Agra de Raíces, respectivamente, e o alumnado do Obradoiro Dual de Emprego Camiño do Solpor V, ademais de persoas interesadas en emprender e persoal técnico con interese na materia. Conseguiuse así unha diversidade de participantes que enriqueceu aínda máis a experiencia de aprendizaxe.
Cómpre destacar que o evento foi organizado, en colaboración coa Rede Eusumo, polo Concello de Cee, que dende hai un par de anos leva creando este tipo de xuntanzas para axudar a visibilizar a economía social entre a comunidade.
Asesoramento a persoas emprendedoras
A Rede Eusumo leva máis de dez anos fomentando o emprendemento en economía social a través da organización de varias xornadas divulgativas como esta en colexios, obradoiros de emprego, charlas a orientadores e axentes intermedios... de maneira que dende o 2017 máis de 14 000 persoas asistiron a actividades relacionadas co coñecemento da economía social.
Ademais deste tipo de charlas e encontros divulgativos, dende a Rede organízanse numerosas formacións en liña e híbridas para que as persoas poidan incrementar as súas habilidades para o emprendemento, relacionadas cos procesos de constitución, a comunicación, a contabilidade, o coaching.... En total, realizáronse máis de 500 actividades de arredor de 20 horas nas que participaron máis de 30 000 persoas.
Por outra banda, a Rede Eusumo dispón dun itinerario de emprendemento para axudar ás persoas emprendedoras a abordar o seu proxecto, independentemente da fase na que se atope (creación, consolidación ou busca de financiamento). Dende o 2017, apoiáronse máis de 800 proxectos e constituíronse máis de 120, e creáronse máis de 600 postos de traballo.