A economía social estará presente un ano máis no Xantar da man da Xunta de Galicia
A vixésimo cuarta edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico "Xantar" celebrarase entre o 2 e o 5 de novembro no recinto de Expourense (Ourense). Trátase dunha feira na que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, mediante a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, leva anos promovendo a participación das entidades de economía social.
Estarán presentes seis entidades representantes da economía social galega: Bico de Xeado, Campo Capela, Erica Mel, Tres Fuciños, Vinos Barco e Viña Costeira.
Bico de xeado (Cooperativa Agraria Provincial S. Coop. Galega) segue un proceso de elaboración de xeados totalmente artesanal. A través das súas propias granxas, producen o leite que posteriormente pasa por un proceso de pasteurización a 80 graos centígrados para eliminar calquera contaminación bacteriolóxica. Todos os seus xeados son aptos para persoas celíacas, xa que non conteñen glute.
Dentro do sector de produtos lácteos, tamén estará presente Campo Capela (Productores del Campo de Capela S. Coop. Galega), a primeira queixería en España en elaborar queixos de maduración curta con leite cru. Trátase dunha cooperativa dedicada á produción de leite de vaca, que está composta por varias explotacións de familias que forman parte do rural galego. Elaboran diferentes variedades de queixos que destacan pola súa calidade e que non conteñen ningún tipo de conservante nin colorante.
Como representante do sector apícola estará Erica Mel (Erica Mel S. Coop. Galega), unha cooperativa que naceu do impulso dun pequeno grupo de apicultores integrados na Asociación Galega de Apicultura (AGA) e que hoxe en día conta con máis de 250 socios. De entre todos eles, máis dun cento comercializan cada ano arredor duns 100 000 quilogramos de mel multifloral e monofloral.
Tamén participará nesta edición a cooperativa Tres Fuciños (Tres Fuciños S. Coop. Galega), que desde o ano 2018 elabora produtos de porco celta de alta calidade. Os ritmos de desenvolvemento que seguen, xunto cunha alimentación natural e un réxime semiextensivo, fan que, ao rematar o período de crianza, o porco obteña unhas características organolépticas que lle proporcionan un sabor superior e unha maior salubridade.
As últimas dúas entidades de economía social pertencen ao sector vitivinícola. Unha delas é Vinos Barcos (Bodega Cooperativa Jesús Nazareno S. Coop. Galega), unha cooperativa formada por máis de 350 socios, que aglutinan unha extensión de 250 hectáreas. Elaboran viños brancos da variedade autóctona godello e tintos da variedade mencía, de calidade recoñecida nos máis esixentes mercados.
A outra entidade vitivinícola é Viña Costeira (Viña Costeira S. Coop. Galega), unha cooperativa que no ano 1968 embotellou o primeiro viño ribeiro do mundo, o Pazo Ribeiro. Na actualidade, a produción xera o 35 % da Denominación de Orixe Ribeiro, cun total de cinco millóns de botellas vendidas cada ano. No 2018, Viña Costeira foi elixida como a Mellor Adega de España.
Se queres coñecer máis información sobre cada unha das entidades, podes descargar o folleto coas fichas informativas.
Xantar chega con algunhas novidades este 2023
Esta nova edición trae consigo unha serie de novidades para as persoas que se queiran achegar ata a feira. A primeira delas é que a entrada será gratuíta, incluídas as diversas actividades que se leven a cabo (cociña en directo, catas, obradoiros etc.), aínda que as prazas serán limitadas.
Outras novidades serán a habilitación dunha zona de tapas e a celebración de concertos de diversas bandas galegas que animarán o ambiente entre as nove e as once da noite de cada xornada, polo que será un punto de encontro despois da xornada laboral.
Na actualidade, Xantar segue a ser a única Feira Internacional de Turismo Gastronómico acreditada da península ibérica. Contan cunha traxectoria de 24 anos poñendo en valor os produtos agroalimentarios de calidade, a elaboración e o servizo profesional, e converteuse nun referente para os destinos enogastronómicos máis importantes, tanto de España como de Portugal.
Se queres saber máis sobre o Xantar 2023, podes visitar a súa páxina web: xantar.org