A Xunta visita a cooperativa Amarelante, unha das entidades beneficiarias do Bono Consolida Economía Social

María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, e Gabriel Alén, delegado da Xunta de Galicia en Ourense, visitaron as instalacións da cooperativa Amarelante, unha das entidades beneficiarias do Bono Consolida Economía Social.

Amarelante, situada en Manzaneda, dedícase á produción sostible de castaña e emprega o sistema tradicional de secado, que fai posible a consumición deste alimento fóra de tempada. Na actualidade, conta con tres liñas de produtos que permiten superar a súa estacionalidade (outono): o froito seco, as bicas de castaña e a fariña.

Esta cooperativa, de clara vocación ecolóxica, recupera castiñeiras abandonadas para empregalas na súa produción, o que contribúe tamén a preservar o monte dos incendios forestais, e favorece a dinamización da economía de proximidade.

Ademais, esta entidade gañou no 2015 o Premio ao Cooperativismo que concede a Xunta de Galicia cada ano e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) outorgoulle o recoñecemento como proxecto que loita contra o abandono e avoga pola mobilidade de terras. 

Aproveitando esta visita, a conselleira anunciou que o seu departamento volverá a convocar este ano o Bono Consolida Economía Social cunha dotación de 2,7M€ para mellorar a competitividade das entidades de economía social como no caso de Amarelante.

Fonte: Xunta de Galicia

 

Mércores, 1 February, 2023 - 17:00

Compartir