A Xunta traballa nunha nova lei de cooperativas
A Xunta de Galicia traballa na modificación da actual lexislación autonómica de cooperativas para adaptala aos novos tempos e facilitar a creación de entidades axilizando a burocracia, no marco dun procedemento participativo no que se prestará especial atención ás demandas dos protagonistas deste modelo de negocio. Así, coa intención de “escoitar e aprender do cooperativismo galego”, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou en Ribadavia as adegas de Viña Costeira.
Aproveitando a visita á cooperativa vitivinícola, a conselleira destacou que a economía social implica ”solidariedade e darlle prioridade aos beneficios sociais antes que á rendibilidade financeira”. Tamén afirmou que cada vez hai máis cooperativas e que destaca o liderado das mulleres, xa que na nosa Comunidade case 29 000 mulleres forman parte de cooperativas, das cales preto de 27 000 son socias.
En termos económicos, Rivo salientou que a economía social ten un impacto anual duns 850 millóns de euros en Galicia, o que representa máis do 7 % do noso PIB. De feito, 21 cooperativas galegas sitúanse entre as 600 máis relevantes de España. Deste xeito, a conselleira definiu o cooperativismo como unha “fórmula moi importante para a economía galega”.
Nese senso, o Goberno galego apoia a economía social a través da Rede Eusumo, que leva máis dunha década acompañando ás entidades que apostan por este modelo de negocio e polo cooperativismo, así como a través de diferentes convocatorias de axudas. Estas son as que están abertas na actualidade:
- Subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo (4 de setembro)
- Bono Consolida Economía Social (15 de setembro)
- Programa ES-Transforma (15 de setembro)
- Programa Aprol Economía Social (15 de setembro)
- Axudas ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras (30 de setembro)
Fonte: Xunta de Galicia
Xoves, 31 August, 2023 - 08:15