A Xunta reforza a súa aposta pola economía social no último ano a través da Rede Eusumo

A Rede Eusumo da Xunta de Galicia, que traballa na divulgación dos valores e o impulso da economía social entre a poboación e para o emprendemento, contribuíu no 2022 á creación de 27 entidades novas neste sector e titorizou 120 proxectos enmarcados nesta fórmula de negocio.

Durante o ano pasado, un total de 232 persoas recibiron asesoramento e acompañamento para emprender a súa actividade no marco da economía social. De ese total, o 60,3 % foron mulleres, unha porcentaxe que consolida a tendencia nos últimos anos a unha maior presenza feminina nas iniciativas da economía social.

No ámbito da formación, a Rede Eusumo formou máis de 1300 persoas mediante a realización de 79 cursos en modalidade presencial e en liña sobre contabilidade, internacionalización, márketing dixital, comunicación e ferramentas dixitais innovadoras, entre outras materias. A porcentaxe de alumnas foi de case un 70 %.

A Rede Eusumo, que xa conta con 95 entidades socias, foi precursora da colaboración público-privada e ten xogado un papel importante no microemprendemento cooperativo galego nestes últimos dez anos. É unha rede que naceu con tres obxectivos claros: fomentar o espírito emprendedor a través da economía social; impulsar o modelo empresarial da economía social no ámbito local; e prestar apoio directo á creación e á consolidación de emprego con base nestas fórmulas de negocio.

Este 2023, os orzamentos de Promoción do Emprego e Igualdade incrementaron nun 20,87 % o investimento para seguir impulsando a economía social na comunidade galega, ata chegar aos 42 millóns de euros. Deste xeito, a Xunta segue reforzando as políticas autonómicas neste ámbito.

Fonte: Xunta de Galicia

 

Mércores, 15 March, 2023 - 09:00

Compartir