A Xunta subliña a necesidade de impulsar o talento feminino nas entidades da economía social galega

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020.- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asistiu esta tarde ao inicio do curso dirixido a mulleres directivas enmarcado no programa de talento feminino na economía social Medrando Xuntas.

Cun total de 25 participantes, o curso desenvolverase ata o 6 de xuño na Egap, en Santiago de Compostela e complementarase con outro curso, que se iniciará en abril, para socias e traballadoras.

Na súa intervención, Toca subliñou a necesidade de impulsar o talento feminino nas entidades da economía social e explicou que a acción formativa de Medrando Xuntas ten por obxectivo potenciar as capacidades directivas das mulleres participantes como factor clave no seu posterior desenvolvemento profesional. Así, o programa inclúe materias relacionadas coa xestión das organizacións deste tipo de entidades, habilidades directivas e o deseño de proxectos colaborativos. O curso combina sesións presenciais co mentoring individualizado.

Esta iniciativa enmárcase tanto na Estratexia Galega de Economía Social, na que se contempla a promoción do emprendemento feminino, como no plan Emprega en feminino, a folla de ruta para apoiar o acceso ao traballo das mulleres galegas.

Luns, 9 March, 2020 - 13:00

Compartir