A Xunta recibe o premio Asalma co que se recoñecen as políticas automáticas e as boas prácticas de impulso á economía social en Galicia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, recolleu o pasado 4 de novembro o premio Asalma outorgado á Xunta. Con este galardón, a Agrupación de Sociedades Laborais de Madrid, unha organización de referencia na comunidade madrileña para a creación e apoio a emprendedores da economía social mediante a fórmula de sociedade laboral, recoñece o labor e as boas prácticas das políticas autonómicas de impulso a este modelo de negocio. 

Tras agradecer o premio, Lorenzana destacou que este galardón, unido a que este 2022 a capital española da economía social é Santiago de Compostela, sitúan a Galicia como escaparate das oportunidades que ofrece este modelo económico, sendo “unha forza clave” do mercado laboral autonómico.

Lorenzana tamén salientou que a Xunta seguirá reforzando as políticas autonómicas no ámbito da economía social como motor dunha transición verde dixital integradora. De feito, os orzamentos de Promoción do Emprego e Igualdade para 2023 incrementaranse nun 20,87% para seguir impulsando a economía social, chegando así ata os 42 millóns de euros. A conselleira apuntou que nesta lexislatura, en só tres anos (desde o 2020) o crecemento foi do 55,5%. 

Ademais, recordou que a Xunta está a traballar na nova Estratexia de Economía Social, unha nova folla de ruta que estará centrada na transversalidade, buscando fomentar a intercooperación para que cada vez haxa máis iniciativas e sexan máis fortes e así poder reforzar a súa competitividade. 

Para rematar, agradeceu o traballo e colaboración do Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal), a organización máis representativa en Galicia neste ámbito, para lograr que Galicia sexa hoxe en día un referente en economía social.

 

Fonte: Xunta de Galicia

 

Luns, 14 November, 2022 - 09:00

Compartir