A Xunta reafirma o seu compromiso co emprendemento como a mellor estratexia para xerar progreso, innovación e emprego de calidade
Pontevedra, 11 de setembro de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na presentación do 11º Espazo de Emprendemento Pont-Up Store 2024, organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store e apoiado pola Xunta. A iniciativa, que se celebrará en Pontevedra os vindeiros 20 e 21 de setembro, contará cun posto que dará a coñecer -entre outros- o labor da Rede de polos de emprendemento e con actividades organizadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración coas de Economía e Industria e de Política Social e Igualdade.
En concreto, no posto da Xunta resolveranse -entre outras- dúbidas sobre os Polos de emprendemento, ademais da dinamización, xogos e presenza de persoas emprendedoras beneficiarias da Rede, para expor e presentar os seus produtos ou servizos. Canto ás actividades do Goberno autonómico, haberá un xogo do emprendemento, unha xornada de networking e unha mesa redonda sobre axudas do ecosistema emprendedor, entre elas as axudas de emprendemento feminino do Programa Emega da Consellería de Política Social e Igualdade, que ten activo o prazo de solicitude ata o próximo 27 de setembro.
No acto -no que tamén participaron, entre outros, a concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, e o vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez-, o secretario xeral puxo en valor este evento que, tras dez edicións, se converteu nun referente no que se dan cita proxectos emprendedores creados nos últimos 4 anos e que proveñen dun gran abano de sectores de actividade, tanto do ámbito urbano como do rural. A cita, destacou Fernández, contribúe a promover a cultura do emprendemento e favorece un espazo de relación e intercambio de experiencias.
Rede de polos
O secretario xeral destacou que o impulso ao emprendemento e ao traballo autónomo é a mellor aposta para xerar progreso e innovación, dinamizar o territorio e fixar poboación. Por iso, indicou que a Xunta está a poñer en marcha diferentes programas con este obxectivo prioritario -como a Rede de polos de emprendemento- e tamén ten o foco en desburocratizar e acompañar as empresas galegas en calquera tipo de consulta ou apoio que precisen por parte da administración a través da nova Oficina Económica de Galicia.
No que respecta aos Polos, a través dos 14 centros da Rede, a Xunta busca impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan unha vinculación coa súa contorna e na que as persoas emprendedoras poden atopar acompañamento personalizado para levar adiante as súas iniciativas. Neste senso, sinalou que a Rede no seu conxunto xa leva atendidos máis de 2.400 proxectos, do cales máis de 600 corresponden ás oficinas abertas na provincia de Pontevedra (Silleda e O Porriño). Tamén destacou que o Goberno galego avanza na súa aposta polo emprendemento no rural e na creación de comunidade na Galicia non urbana a través do proxecto pioneiro de coliving para atraer nómades dixitais e fixar poboación no rural que a Xunta impulsa da man da Asociación Cultural Sende. Froito de medidas coma estas, lembrou, Europa vén de recoñecer Galicia co galardón a Rexión Emprendedora Europea 2025.
Programa Ultreia
Precisamente no marco da aposta pola creación de novos negocios e o desenvolvemento de proxectos innovadores, a Xunta -en colaboración coas confederacións empresariais de Ourense, A Coruña, Pontevedra e Lugo- promoverá este mes encontros de emprendemento nas catro provincias a través do programa Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente, financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O programa contará coa participación de 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 startups, 40 empresas tractoras cun impacto no desenvolvemento socioeconómico de Galicia e nela poranse en valor 16 casos de éxito. Deste xeito, busca incentivar aos emprendedores e axentes do ecosistema a impulsar a súa actividade creando sinerxías e identificando retos para atopar solucións conxuntas.