A Xunta premia o cooperativismo na nosa comunidade

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade promove o cooperativismo en Galicia mediante a celebración de dous certames que xa foron resoltos nos últimos días: Cooperativismo no Ensino 2023 e Premios á Cooperación 2023.

O certame Cooperativismo no Ensino é unha iniciativa que naceu co obxectivo de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial de Galicia, a través do impulso de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

Catro colexios, dous institutos e o alumnado dunha sociedade cooperativa galega foron recoñecidos neste 2023 cos premios deste programa, tal e como se publicou o pasado 7 de xuño no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A entrega de premios desta edición iniciouse no IES de Valadares de Vigo e contou coa presenza de Margarita Ardao, directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, que destacou a aposta da Xunta polo emprendemento e o apoio ao emprego e os valores da economía social.

Ao longo das vindeiras semanas, a Xunta fará entrega dos galardóns ao resto de colexios, institutos e centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial premiados.

Tamén se coñecen xa as cooperativas ás que se lles otorgou os Premios á Cooperación, que teñen como finalidade fomentar e difundir os valores do cooperativismo na comunidade a través de proxectos útiles e de vocación social.

Na edición deste 2023 resultaron gañadoras tres empresas cooperativas da provincia da Coruña: Alén (A Coruña), Enraizando (Ribeira) e Ferrolana de Profesores de Autoescuela (Ferrol).

Con motivo da celebración do Día Mundial do Cooperativismo o vindeiro 1 de xullo, a Xunta de Galicia procura promover e destacar os principios desta fórmula económica entre a sociedade, así como recoñecer publicamente o traballo realizado polas cooperativas no seu compromiso coa igualdade, a proximidade e a xeración de emprego.

 

Fonte: Xunta de Galicia

 

Xoves, 15 June, 2023 - 13:30

Compartir