A Xunta pon en valor os Centros Especiais de Emprego

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou Hornos de Lamastelle a semana pasada, unha entidade cualificada como Centro Especial de Emprego de Iniciativa Social, que forma parte da Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal).

Durante a visita, Rivo puxo en valor as empresas de economía social que impulsan a autonomía das persoas con discapacidade e cualificou de exitosa a esta entidade, que en 2022 superou os 6 millóns de euros de facturación e na que a maioría das case 100 persoas traballadoras teñen algún tipo de discapacidade.

En Hornos de Lamastelle, que se fundou en 1993 e que forma parte do grupo de iniciativas empresariais da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), están especializados na elaboración de empanada galega, tarta de Santiago con indicación xeográfica protexida (IXP) e biscoitos.

Este Centro Espacial de Emprego construirá unhas novas instalacións en Carballo que xa foron declaradas pola Xunta como Iniciativa Empresarial Prioritaria (IEP), xa que lle permitirán aumentar a súa capacidade e diversidade produtiva e incrementar cota de mercado no marco do sector agroalimentario, considerado estratéxico para a economía galega.

As empresas de economía social representan o 7 % do PIB galego e destacan por propugnar valores que gardan relación co benestar social, o vencello coas contornas e o emprego igualitario. Nese contexto, a Xunta está a impulsar a II Estratexia galega da Economía Social 2023-2026, coa que se estima crear 3500 novos postos de traballo baixo o paraugas desta modalidade de negocio e constituír 400 novas entidades.

Fonte: Xunta de Galicia

 

Mércores, 26 July, 2023 - 09:45

Compartir