A Xunta pon en valor as cooperativas escolares impulsadas na comarca de Ordes apostando pola sustentabilidade e pola xeración de emprego

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe en Ordes na xornada Construíndo unha comarca mellor. As nosas cooperativas, na que se presentaron os proxectos desenvolvidos por arredor de medio cento de persoas entre profesorado e alumnado de 3º e 4º da ESO das materias relacionadas con emprendemento, iniciación á actividade emprendedora e empresarial de catro centros da comarca (CPI Xanceda, CPI Ponte Carreira, CPI O Cruce e IES Maruxa Mallo). Alí, Mariño destacou a aposta destas cooperativas escolares pola sustentabilidade e pola xeración de emprego pegado ao territorio no campo da economía social, unha fórmula empresarial que -dixo- apoia de xeito decidido a Xunta de Galicia.

No acto, que tamén serviu para presentar outras iniciativas locais no eido do cooperativismo para intercambiar experiencias e extraer conclusións, a directora xeral recordou que esta mesma semana se publicaron os centros galegos recoñecidos no certame Cooperativismo no ensino co que o Goberno autonómico busca difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia. Entre os galardoados, sinalou, o proxecto empresarial cooperativo Arroutada, Sociedade Cooperativa Galega presentado polo alumnado do IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña e a iniciativa Cooperativa Educativa RecreaT do IES Castro da Uz das Pontes de García Rodríguez.

Así mesmo, fixéronse públicas as cooperativas galardoadas cos Premios á Cooperación 2024, recoñecendo a posta en valor dos valores cooperativos, o mellor proxecto cooperativo novo e a traxectoria cooperativa. Neste caso, e por esta orde, resultou distinguida unha iniciativa de economía solidaria que agrupa a persoas consumidoras que teñen acceso a produtos ecolóxicos, locais e de comercio xusto; unha cooperativa que ofrece ás mulleres un espazo de encontro destinado tamén ao asesoramento e á formación e, por último, un proxecto centrado na produción baixo o selo de calidade de Ternera Gallega Suprema.  

Exemplos coma estes, segundo Marta Mariño, demostran a amplo abano que ofrece a economía social para o emprendemento como vía de desenvolvemento das contornas onde se asentan os negocios. Engadiu que o Goberno galego mostra o seu compromiso con este tipo de iniciativas destinando este ano un 3 % máis ca en 2023 á economía social, ata superar os 43,6 millóns de euros.

 

Rede Eusumo e Rede de polos

A xornada que tivo lugar na Casa da Cultura de Ordes enmárcase no programa de actividades da Rede Eusumo da Xunta. Unha Rede que presta apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social asesorando a persoas e entidades interesadas en emprender e a través de accións de formación, divulgación e asesoramento.

Así mesmo, o acto inclúese na axenda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta con 13 centros activos no conxunto do territorio galego, tres deles na provincia da Coruña: os de Ferrol, Coristanco e Melide. No seu conxunto, a Rede ten acompañado xa máis de 1.900 proxectos empresariais en toda a Comunidade.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Luns, 10 June, 2024 - 10:00

Compartir