A Xunta pon en marcha a primeira estratexia galega de Economía Social

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a posta en marcha da primeira Estratexia galega de economía social, que contará cun presuposto de 73 millóns de euros ata 2021. Trátase dunha iniciativa para crear novas oportunidades de negocio en empresas que están enfocadas ás persoas e que contan cunha maior cohesión territorial e social. En concreto, esta estratexia está dirixida, principalmente, ás cooperativas, ás sociedades laborais, aos centros especiais de emprego e ás empresas de inserción laboral.

O obxectivo prioritario desta estratexia é incrementar nun 10 por cento as entidades de economía social, chegando ás 3.300; aumentar nun 20 por cento os empregos, ata 17.500, así como potenciar a presenza feminina nestas entidades.

Impulsaranse iniciativas como un programa de fomento da economía social entre o alumnado universitario e de formación profesional, a creación de cooperativas escolares entre os estudantes de Primaria e Secundaria para que coñezan este sector e os seus valores ou a aprobación de incentivos ao emprendemento para as empresas de nova creación baseadas na tecnoloxía e na economía colaborativa e circular. Ademais, reforzaranse as iniciativas de formación como os laboratorios cooperativos.

Por último, o presidente galego incidiu en que se fomentarán proxectos de innovación, facilitarase a internacionalización, buscaranse novos mecanismos de financiación, actualizarase o marco normativo e favorecerase o acceso á contratación pública.

Se desexa completar a información, pode acceder ao contido da noticia a través da seguinte ligazón:

http://www.finanzas.com/noticias/economia/20181205/xunta-pone-marcha-primera-3958587_age.html
 

Ademais, a través do seguinte documento poderás acceder á información máis detallada da estratexia e dos retos e accións a seguir.

Documento Estratexia galega de economía social .

 

Mércores, 5 December, 2018 - 19:00

Compartir