A Xunta pon de relevo o labor da asociación Aixiña en Ourense a prol da igualdade de oportunidades e da inserción laboral das persoas con discapacidade

Ourense, 22 de setembro de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, vén de visitar o Centro Especial de Emprego (CEE) de Aixiña, reafirmando o apoio ao seu proxecto para seguir avanzando na igualdade de oportunidades e na inserción laboral das persoas con discapacidade. Integrado en Cogami Ourense, Aixiña vén de cumprir 30 anos e dá traballo a 125 persoas, arredor do 74% delas con discapacidade.

Mariño puxo en valor que a entidade realice traballos para varias empresas -especialmente- cun servizo de restauración co que elaboran e distribúen menús diarios en comedores escolares, escolas infantís, a domicilio ou a negocios dos polígonos industriais de Ourense. Tamén contan cun taller de artesanía e cun obradoiro de gravación e montaxe de trofeos, outro de montaxe de estores e rieles e un máis de clasificación de perchas.

Nesa liña, a directora xeral destacou -que co seu apoio aos centros especiais de emprego- a Xunta busca proporcionar ás persoas con discapacidade a realización dun traballo produtivo e remunerado con servizos de axuste persoal e social, apostando pola súa autonomía e capacitándoas para un eventual paso ao mercado laboral ordinario.

Cómpre engadir que Aixiña conta cun centro de día de discapacidade física e outro para maiores, cunha residencia para persoas con discapacidade física dependentes, co servizo de rehabilitación e terapias e transporte para persoas con mobilidade reducida.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

 

Domingo, 22 September, 2024 - 15:00

Compartir