A Xunta lembra que segue aberto o prazo para solicitar o Bono remuda e as axudas para impulsar a contratación de mulleres en sectores masculinizados

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, vén de dirixirse nun webinario ao persoal técnico da Rede de polos de emprendemento e de entidades de persoas traballadoras autónomas, empresariais ou comerciais, así como a xestorías e colexios de graduados sociais, para resolver dúbidas sobre o Bono Remuda e sobre a orde para impulsar a contratación de mulleres en sectores masculinizados de alto valor engadido. Con prazo de solicitude aberto ata o 30 de outubro, a primeira das convocatorias conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, mentres as segundas axudas, cun presuposto inicial de case 1,7 millóns ampliables, poden solicitarse ata o 30 de setembro.

Sobre o Bono Remuda, o obxectivo é evitar o peche de negocios por falta de persoas que se fagan cargo, ao tempo que se facilita que os interesados en emprender poidan recoller o testemuño dunha empresa xa viable economicamente. Os negocios obxecto de remuda deben ter o domicilio social e fiscal en Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.  

A remuda deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio. Tamén por causas sobrevidas como incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou falecemento, e deben terse producido entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024.

 

LIÑAS DE AXUDA

O Bono Remuda conta con dúas liñas. Por unha banda, a Liña 1-Bono remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, á que se destina 1 millón de euros. Mentres, a Liña 2-Bono remuda xeral, para negocios situados en concellos de 5.000 habitantes ou máis, conta co outro medio millón.

A contía da axuda do Bono Remuda calcúlase en función do prezo estipulado no contrato de remuda do negocio, cunha porcentaxe de subvención do 75% no caso da liña 1 e do 70% na liña 2. Se se trata dunha remuda mediante alugueiro do local e/ou medios produtivos, o importe da axuda será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugueiro.

No caso do Bono remuda rural, a intensidade da axuda incrementarase nun 10% cando a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada, estranxeira ou empadroada na mesma localidade na que se atope a actividade que se traspasa. Ademais, nas dúas liñas aplicarase un 5% de incremento se a persoas que se fai cargo é muller, menor de 30 anos, con 52 anos ou máis ou se o negocio traspasado ten máis de 5 traballadores. En total, a contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000 euros.

 

CONTRATACIÓN DE MULLERES EN SECTORES MASCULINIZADOS

O webinario tamén serviu para dar conta da orde para impulsar a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas, ademais de promover a adaptación dos espazos de traballo co gallo de favorecer a igualdade. Cun orzamento inicial próximo aos 1,7 millóns de euros que poderá ser ampliable, trátase da primeira vez que se pon en marcha esta iniciativa, que dá cumprimento á Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia e que ten prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro.

Con esta orde de achegas, búscase incrementar a presenza de mulleres en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, como o da información e comunicación ou en actividades profesionais científicas e técnicas. A previsión é beneficiar unhas 75 mulleres desempregadas con axudas de ata 26.250 por cada contrato indefinido.  

Existe unha segunda liña de axudas para promover a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo nas empresas, con obras en aseos, vestiarios ou espazos para menores, cun importe máximo de axuda -neste caso- de 10.000 euros.

Poderán ser entidades beneficiarias as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten mulleres por conta allea en ocupacións masculinizadas, para prestaren servizos en centros de traballo radicados en Galicia.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

 

Domingo, 11 August, 2024 - 14:45

Compartir