A Xunta inicia o programa 'Medrando Xuntas' para impulsar o talento feminino na economía social

A Xunta de Galicia puxo en marcha a sétima edición do programa 'Medrando Xuntas', unha iniciativa que ten como obxectivo potenciar o talento feminino nas entidades de economía social galega. Desde o seu inicio hai sete anos, case 400 mulleres recibiron cualificación no marco desta iniciativa autonómica.

Covadonga Toca, secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, participou por videoconferencia na primeira sesión desta formación, que se iniciou na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e que se estenderá ata o próximo xuño en modalidade mixta para facilitar o acceso aos cursos e favorecer a conciliación das participantes.

'Medrando Xuntas' foi deseñado para contribuír á difusión do papel das entidades de economía social no tecido socioeconómico galego e das oportunidades que brindan ás traballadoras para o seu desenvolvemento persoal e profesional. A través desta iniciativa, a Xunta pretende poñer en marcha actuacións para potenciar o papel das traballadoras no mercado laboral e dar difusión á economía social como modelo en auxe para crear emprego de calidade, máis igualitario e sustentable.

O programa está estruturado en dous itinerarios diferentes: 'Medrando Xuntas directivas', dirixido a responsables de dirección e/ou de goberno, e 'Medrando Xuntas socias e traballadoras', enfocado en apoderar ás mulleres pertencentes ás organizacións de economía social. Ambas modalidades contan cunha estrutura similar onde se traballan tanto habilidades de xestión como competencias persoais.

Como novidade na edición deste 2023, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade realizará unha xuntanza global con todas as alumnas participantes nas sete edicións. O evento celebrarase no último trimestre do ano co obxectivo de reforzar a rede de contactos das alumnas e reivindicar a presenza da muller nos órganos de goberno e dirección das entidades de economía social.

Fonte: Xunta de Galicia

 

Luns, 20 March, 2023 - 09:00

Compartir