A Xunta incrementa nun 21% o investimento destinado á economía social en 2023 alcanzando os 42M€

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asistiu ao encontro en Santiago de Compostela xunto con representantes da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (Coceta) e a Unión de Cooperativas Galegas (EspazoCoop), onde detallou que o investimento destinado á economía social en 2023 incrementarase en case un 21%, chegando ata os 42 millóns de euros.

Tras o percorrido da etapa final do Camiño de Santiago, no marco dun encontro estatal que se celebra estes días baixo o lema Somos cooperativas, somos camino, Lorenzana sinalou que 27 de cada 100 euros da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social destinaranse a este modelo empresarial para consolidar iniciativas empresariais e crear emprego ligado a este ámbito. 

Lorenzana especificou que, de cara ao 2023, a Xunta porá en marcha novos programas como as aceleradoras de emprendemento que permitirán recuperar negocios sen relevo xeracional a través de fórmulas de economía social.

A conselleira tamén sinalou que a Xunta reforza o seu compromiso por este eido que favorece a incorporación da mocidade ao mercado laboral, impulsa empresas que resisten a situacións de crise, crea postos de traballo estables e de calidade, atrae servizos e actividades a zonas rurais, fixa a poboación e fomenta a igualdade en Galicia, onde as mulleres ao fronte de novas cooperativas supoñen xa o 50,79%.

Ademais, a conselleira destacou os beneficios que crea este modelo empresarial apuntando que 18 cooperativas galegas están situadas entre as máis relevantes de España, cunha facturación anual que ascende a 1.715,6 millóns de euros e xera 4.235 postos de traballo.

Por último, agradeceu o labor diario de Coceta, a organización máis representativa do sector, e de EspazoCoop, piar fundamental do Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal).

 

Fonte: Xunta de Galicia

 

Luns, 14 November, 2022 - 10:00

Compartir