A Xunta impulsa un proxecto piloto para adaptar o comercio local ás tendencias de consumo co apoio da dixitalización
O Carballiño (Ourense), 30 de xullo de 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na presentación do programa Adapta local, un proxecto piloto que busca adaptar o comercio de proximidade aos cambios de hábitos dos consumidores apostando pola dixitalización e que está promovido pola Xunta de Galicia e a asociación de autónomos APE Galicia.
Alí, Gabriel Alén salientou a importancia de iniciativas como esta para incentivar o consumo nos negocios locais de Galicia de xeito sustentable e competitivo, así como impulsar a comercialización do produto galego. Unha cuestión, sinalou, que é clave para a dinamización do sector.
Con ese fin esta acción combinará formación presencial e telemática destinada a propostas do comercio local e rural galego co foco posto nas iniciativas innovadoras que potencien a comercialización do produto galego.
Entre os contidos que se abordarán nas formacións deste programa están os relacionados coa transformación dixital, como a venda online e a xestión das redes sociais. Tamén cuestións que teñen que ver coa atención ao cliente, as tendencias de comercio, as finanzas e xestión de inventarios, a economía circular e o compromiso social.
Este proxecto piloto desenvolverase en oito comarcas galegas, que son Ferrol, Tui, O Barco de Valdeorras, Verín, O Carballiño, Ribadeo, Sarria e Chantada. Os negocios interesados nesta iniciativa poden cubrir o formulario de contacto habilitado na web https://apegalicia.es/adapta-local
Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración