A Xunta distribúe microguías de emprendemento para a diversificación de negocios a través da Rede de polos

Pontevedra, 9 de agosto de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe en Pontevedra a sede da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia), onde fixo entrega ao presidente da entidade, José Ramón Caldas, de varios exemplares das microguías de emprendemento lanzadas pola Xunta para impulsar a posta en marcha de empresas e, con ela, a dinamización do territorio e a xeración de riqueza.

Na visita, o secretario xeral explicou que estas guías están tamén dispoñibles na web da Rede de polos de emprendemento e que se irá ampliando o seu número para explicar a toda persoa interesada as características ou vantaxes de distintos tipos de negocio, ademais de cuestións como a transmisión de empresas en funcionamento na liña do Plan de remuda implementado para asegurar a continuidade do tecido produtivo.

 

DETALLE DAS GUÍAS

Primeiramente, contémplase orientación para establecerse como persoa empresaria individual ou autónoma, para impulsar unha comunidade de bens ou unha sociedade civil. Tamén se dá conta dos detalles para emprender mediante unha sociedade limitada ou anónima.

Para darlle un pulo á economía social, hai deseñadas ata cinco guías neste apartado: trátanse as particularidades das cooperativas de traballo asociado, os centros especiais de emprego, as sociedades limitadas laborais, as sociedades anónimas laborais e as empresas de inserción laboral.

Nos casos xa mencionados, as microguías recollen aspectos como descrición, definición e características do negocio, vantaxes e inconvenientes e tipoloxías, de ser o caso. Tamén pormenores para a constitución e posta en marcha da empresa, obrigas fiscais ou normativa aplicable.

A maiores, existe outra guía concibida para promover a transmisión de negocios en funcionamento, na liña do Plan de remuda implementado ao abeiro da Rede de polos. Esta guía complementa o traballo que está a executar nos 14 Polos activos o persoal técnico da Rede, asesorando para que persoas interesadas poidan facerse cargo de negocios que vaian pechar e que se complementa cunha orde de axudas de 1,5 millóns de euros, con prazo de solicitude aberto.

Por último, elaboráronse outras guías xenéricas de utilidade á hora de montar un negocio: sobre tramitación dixital e protección da información, aspectos laborais, aspectos contables básicos, aspectos financeiros e contratos e acordos comerciais.  

 

A REDE DE POLOS

Desde a posta en marcha do primeiro centro en xullo de 2022, abríronse un total de 14 Polos de emprendemento no conxunto do territorio. Ata o de agora, a Rede leva atendido máis de 2.200 iniciativas empresariais. Por sectores, predominan os servizos, seguidos da hostalaría e de actividades de comercio.

Coas persoas emprendedoras que teñen acudido á Rede -un 59% delas mulleres- lévanse realizado máis de 6.000 titorías. En canto ás actividades, entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos da Rede, lévanse realizado arredor de 800.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

 

Venres, 9 August, 2024 - 15:15

Compartir