A Xunta destaca o valor do programa Ícarus para fomentar o emprendemento e a economía social entre a comunidade universitaria

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron na entrega dos Premios Ícarus 2024, que forman parte dun programa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), orientado a impulsar a aplicación social e económica do coñecemento xurdido nos campus de Santiago e Lugo. Alí puxeron de relevo a importancia de iniciativas coma esta para fomentar o emprendemento e a economía social entre a comunidade universitaria.

Neste certame prémianse teses de doutoramento e traballos de fin de grao e de fin de mestrado e inclúe todas as áreas de coñecemento que se imparten na Universidade de Santiago de Compostela, que son Artes e Humanidades, Ciencias Experimentais, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura.

Alí tamén se fixo fincapé nas oportunidades de desenvolvemento que ofrecen as conclusións extraídas dos traballos universitarios, así como os apoios da Xunta ao emprendemento, como a Rede de polos que conta con 14 centros nos que xa se prestou asesoramento a máis de 2.100 proxectos empresariais en diferentes fases.

Medidas coma esta, explicaron, son as que fixeron a Galicia merecedora do premio á Rexión Emprendedora Europea 2025. Con elas, a Xunta busca impulsar o emprendemento da man de todos os axentes implicados para crear actividade económica e emprego de calidade, vertebrando o territorio e garantindo o crecemento e progreso de Galicia.

Nesta liña, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social subliñou que as políticas de apoio ao emprendemento son clave para o desenvolvemento económico e social de Galicia e, por iso, é tan importante explorar e saber aproveitar as oportunidades de negocio que ofrece a comunidade galega, apoiando ás persoas que estean dispostas a facelo.

 

Fonte: Consellerría de Emprego, Comercio e Emigración

 

Mércores, 10 July, 2024 - 22:30

Compartir