A Xunta destaca en Madrid que a economía social é un modelo que en Galicia emprega a máis de 14 000 traballadores
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na mesa redonda Como trasladar a nivel territorial as medidas do Plan de Acción Europeo a través das estratexias e políticas autonómicas para a economía social? no marco da xornada de presentación en España do Plan de acción europeo de economía social que se levou a cabo en Madrid.
Toca sinalou que o Informe economía social en Galicia 2021 constata que con 135 cooperativas novas, o 2021 converteuse, con 1145 cooperativas activas, no ano de maior inscrición deste tipo de entidades de toda a serie histórica, mantendo unha tendencia á alza constante desde 2017. Ademais, esta fórmula avanza cara a igualdade, xa que o 51 % das persoas socias fundadoras das cooperativas constituídas en 2021 foron mulleres.
As sociedades laborais aumentaron en 2021 constituíndose un total de 28 ata chegar ás 656 activas; o número de empresas de inserción mantívose en 13 con máis persoas contratadas (pasando de 87 no 2019 ata as 182 no 2021); e a cifra de centros especiais de emprego incrementouse en seis máis que en 2020, chegando a 117, dos que 58 pertencen á economía social.
Este modelo empresarial en Galicia está conformado por preto de 14 000 persoas traballadoras nas máis de 3000 entidades que operan neste segmento da economía, representando o 7 % do PIB, o que se traduce nun impacto anual duns 850 millóns de euros.
Para rematar, Toca indicou que a economía social en 2023 contará cun orzamento total de 42 millóns de euros, o que supón que case un terzo de investimento destinado á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social irá destinado a este fin.
Fonte: Xunta de Galicia