A Xunta concede os Premios á Cooperación 2024 ás cooperativas Consumo Consciente Árbore, A Morada Nosa e A Carqueixa

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se fai pública a concesión dos Premios á Cooperación 2024. En concreto, as cooperativas galardoadas son Consumo Consciente Árbore, co premio aos valores cooperativos; A Morada Nosa, co recoñecemento ao mellor proxecto cooperativo novo; e A Carqueixa, co premio á traxectoria cooperativa.

Os Premios á Cooperación, dotados con 15.000 euros, teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores e recompensar publicamente o traballo que as entidades realizan a favor do cooperativismo na comunidade.

Cómpre lembrar que podían optar a estes galardóns todas as cooperativas galegas que teñan destacado polo seu traballo, que estean ao día das súas obrigas rexistrais e que non resultaran recoñecidas en anos anteriores. Ao igual que en edicións previas, as categorías da convocatoria son tres, cada unha dotada con 5.000 euros.  

Así, o premio aos valores cooperativos outórgase á viguesa Consumo Consciente Árbore,  un proxecto de economía solidaria que agrupa a persoas consumidoras que, en réxime de socias cooperativistas, teñen acceso a produtos ecolóxicos, locais e de comercio xusto. Nesta categoría visibilízase o labor da entidade que -entre as presentadas- máis ten destacado no impulso dos valores e principios cooperativos recoñecidos como a adhesión voluntaria e aberta, a xestión democrática, e equidade, a solidariedade, a transparencia, a educación e formación ou ao interese demostrado en favor da comunidade, entre outros.

En segundo lugar, como mellor cooperativa nova recoñécese a viguesa A Morada Nosa, que ofrece ás mulleres un espazo de encontro e lecer, destinado tamén ao asesoramento e á formación. En concreto, a categoría busca distinguir unha entidade cunha antigüidade igual ou menor a 42 meses no momento da convocatoria, que destaque polas contribucións nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais. Téñense en conta tanto a relevancia dos proxectos como o seu carácter innovador, sustentable e a repercusión nas súas respectivas contornas.

Por último, o galardón á mellor traxectoria é para a cooperativa A Carqueixa, dos Ancares, centrada na produción baixo o selo de calidade de Ternera Gallega Suprema. Neste caso, o premio diríxese a cooperativas con máis de 42 meses de antigüidade que teñan resaltado, entre outros, pola solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Venres, 7 June, 2024 - 11:30

Compartir