A Xunta apoia un cento de actividades de fomento e impulso da economía social no marco das axudas a entidades adheridas á Rede Eusumo
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2024
O Consello da Xunta coñeceu hoxe a resolución da orde de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que ten por obxecto que as entidades socias da Rede Eusumo realicen actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social. En concreto, resultaron beneficiarias un total de 23 beneficiarias dun importe global próximos aos 655.000€, para levar a cabo 95 actividades (30 de caracter xeral e 65 específicas sobre distintos eidos).
A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento eo desenvolvemento da economía social que non deixou de medrar dende a súa creación. Con ela, procúrase o fomento do espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación do emprego con base na economía social.
A finalidade das achegas que se veñen de resolver é a promoción, visibilización e desenvolvemento da economía social a través de accións de formación, divulgación e asesoramento, formentando o emprendemento e o emprego no marco desta fórmula económica sustentable e solidaria, centrada nas persoas, pegada ao territorio e que desenvolve fundamentalmente actividade local que fixa poboación no rural.
ACCIÓNS SUBVENCIONABLES
Ao abeiro de esta orde de axudas, fináncianse actividades de divulgación da economía social como charlas, xornadas, conferencias, simposios, ou visitas formativas, así como calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo e a economía social.
Tamén son subvencionables os estudos, informes, traballos de investigación, manuais, guías, unidades didácticas ou similares, sempre que sexan inéditos. Ademáis, sufráganse actividades de asesoramento e acompañamento como encontros de networking e accións formativas como cursos e obradoiros.
Canto ás actividades específicas que se poden apoiar, prevese que se centren na economía dos coidados, no sector agroalimentario, na economía circular e xestión de residuos, nas enerxías renovables e transición enerxética ou na aplicación das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial. Tamén en actividades do sector industrial, das industrias culturais ou relativas ao transporte e á mobilidade.
A REDE EUSUMO
A Rede Eusumo imcrementouse desde 2022 nun 4,1%, e ten actualmente un total de 102 entidades adheridas. A través dela, préstase apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social, póñense a disposición das persoas e entidades interesadas medios para o emprendemento entre os que se inclúen as instalacións para albergar o inicio de proxectos empresariais de economía social e impúlsase o modelo empresarial no ámbito local a través de accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego na economía social.
Cómpre engadir que a Rede Eusumo pode estar integrada por asociacións de entidades de economía social; os concellos de Galicia, areas metropolitanas, mancomunidades de municipios e consorcios locais; as cámaras de comercio; as universidades e as fundacións e asociacións, así como polas organizacións profesionais, empresariais e sindicais.
Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración