A Xunta apoia o fortalecemento de máis de 40 cooperativas no marco dun proxecto de EspazoCoop

Vigo, 27 de setembro de 2024

A Xunta apoia o fortalecemento de 41 cooperativas no marco do proxecto Consolida+ desenvolvido por EspazoCoop e que foi beneficiario das axudas que teñen por obxecto que as entidades socias da Rede Eusumo realicen actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social. Os resultados desta iniciativa de EspazoCoop foron presentados hoxe nunha xornada en Vigo.

Este evento foi organizado pola Morada Nosa, unha das cooperativas de EspazoCoop que este ano foi recoñecida polo Goberno galego co premio a mellor cooperativa nova, e contou coa participación de distintos axentes vencellados ao tecido cooperativo galego, entre eles da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Nel fíxose fincapé nas axudas que ofrece este departamento da Administración galega ás cooperativas para a súa constitución e durante a súa consolidación, xerando a constitución de novas entidades pola vía da transformación.

A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social. Con ela, procúrase o fomento do espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social. Desde 2022 medrou máis dun 4%, tendo actualmente a un total de 102 entidades adheridas.

Da última convocatoria das achegas ás entidades adheridas a esta rede beneficiáronse un total de 23 entidades cun importe global próximo aos 655.000 euros, para levar a cabo 95 actividades (30 de carácter xeral e 65 específicas sobre distintos eidos). Con estes apoios, o Goberno galego busca promover, visibilizar e desenvolver a economía social a través de accións de formación, divulgación e asesoramento, fomentando o emprendemento e o emprego no marco desta fórmula económica sustentable e solidaria centrada nas persoas e pegada ao territorio.

 

EspazoCoop e o proxecto Consolida+

Unha das entidades beneficiarias das achegas relacionadas coa Rede Eurumo é a Unión de Cooperativas Espazocoop, unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases. Esta entidade desenvolveu o programa Consolida+ co que logrou atender as necesidades de cooperativas en diversas fases de maduración. Desde cooperativas de recente creación ata cooperativas máis consolidadas.

Para iso, o programa Consolida+ centrouse en obxectivos como acompañar aos socios e órganos directivos na xestión das cooperativas, identificando melloras e oportunidades de crecemento e fomentar o encontro entre cooperativas para compartir recursos, experiencias e boas prácticas.

Algúns dos resultados obtidos son 720 horas de titorías personalizadas en ámbitos como o análise societario, modificacións estatutarias, resolución de conflitos, planificación económico-financeira e mellora comercial; 36 horas de formación en ferramentas básicas de xestión, dous encontros temáticos, enfocados na xestión cooperativa e a difusión de boas prácticas e tres vídeos de experiencias cooperativas, que visibilizan casos de éxito.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

 

Venres, 27 September, 2024 - 18:15

Compartir