A Xunta apoia o fomento do emprendemento en economía social no concello de Barro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta semana dúas empresas que recibiron achegas por un importe global de 46 500 euros, ao abeiro do programa Aprol Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego. Con este tipo de axudas foméntase o emprendemento e a incorporación das persoas desempregadas e traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais.
En primeiro lugar, o representante autonómico achegouse ata a empresa Gorbeia Cíes, acompañado pola xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño. Esta firma, que se dedica ao alugueiro en liña de autocaravanas, recibiu unha achega da Xunta de 19 500 euros e creou dous novos postos de traballo.
A continuación, desprazouse ata a contorna do parque de Barosa, para visitar o establecemento de restauración da cooperativa xuvenil Sanrc, que contou cunha achega de 27 000 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e que conta con tres socios e tres traballadores.
Luis López aproveitou a ocasión para convidar a todos os emprendedores do ámbito da economía social a que concorran novamente as axudas do programa Aprol Economía Social 2023. Tamén destacou que, no norte da provincia de Pontevedra, se apoiaron outras tres iniciativas similares en Marín, Vilagarcía de Arousa e Vilaboa cunha achega global de 84 500 euros.
O programa Aprol Economía Social 2023, que comprende as accións desenvolvidas entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023, concederá axudas de 6 000 euros pola incorporación de cada traballador a xornada completa e incrementos do 25 % sobre a dita contía de se cumprir certas condicións como ser muller ou maior de 45 anos ou residir en contornas rurais, entre outras.
Fonte: Xunta de Galicia