A Xunta apoia o emprego inclusivo a través do Plan ‘Emprega Discapacidade e Exclusión Social’

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou no acto de presentación do programa Talentos en Galicia, promovido pola entidade laboral Inserta Emprego, dependente da Fundación Once. No acto, Toca destacou que a Xunta segue mantendo o seu compromiso co emprego inclusivo a través do Plan autonómico Emprega Discapacidade e Exclusión Social co que está a impulsar a formación e a incentivar a contratación.
Deste xeito, a Consellería de Promoción do Emprego reafirma o seu compromiso coas persoas que enfrontan maiores dificultades no acceso ao mercado laboral. Para iso, destinará máis de 44,4 millóns de euros á segunda edición deste plan, que inclúe un total de 8 programas cos que se quere promover a contratación e a formación de aproximadamente 6000 persoas.
Toca especificou que un dos obxectivos das políticas activas de emprego é apoiar a contratación, o emprendemento, a intermediación laboral e a formación de persoas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral.
Tamén aproveitou a ocasión para por en valor o papel de entidades como a Fundación Once na promoción da empregabilidade de persoas con discapacidade. Neste contexto, puxo como exemplo o programa presentado, Talentos en Galicia, que se lanzará o 1 de xullo e incluirá 7 encontros con empresarios de pequenas e medianas empresas en diferentes áreas industriais e parques empresariais das 4 provincias galegas.
Segundo a secretaria xeral, é fundamental implicar o sector empresarial na inclusión de grupos con discapacidade e proporcionarlle información detallada e rigorosa sobre os requisitos e beneficios de contar con talentos diversos.
Fonte: Xunta de Galicia