A Xunta amplía ata os 11 millóns de euros a liña Xempre Emprendemento para axudar a pemes, autónomos e entidades de economía social
O pasado venres publicouse no Diario Oficial de Galicia a ampliación de crédito de máis de 8,2 millóns de euros aprobada polo Goberno galego para a liña de apoios Xempre Emprendemento, que busca axudar a pemes, a autónomos e ás entidades de economía social (sociedades cooperativas e laborais) a financiar gastos derivados da adquisición de equipamentos informáticos, mobiliario, reforma de locais ou de eficiencia enerxética.
Con esta ampliación, a Xunta de Galicia cuadriplica o investimento inicial (2,8 millóns) co obxectivo de atender o gran número de solicitudes recibidas (1448) e para tratar de dar resposta ao maior número posible de peticións que cumpran cos requisitos esixidos.
Xempre Emprendemento vai dirixido a persoas traballadoras autónomas, pequenas e medianas empresas e sociedades cooperativas e laborais que teñan iniciada a súa actividade a partir do 1 de xaneiro de 2020 e permanezan en activo.
Os pagamentos van en función da intensidade do investimento realizado e oscilarán entre un mínimo de 3000 euros para o investimento mínimo que se pode financiar (5000 euros) ata os 30 000 euros para o máximo (100 000 euros).
Fonte: Xunta de Galicia