A Xunta achega un ano máis a economía social galega ao salón Xantar de Ourense
A economía social de Galicia estará representada outro ano máis na feira internacional de turismo gastronómico Xantar, que se celebra en Expourense do 9 ao 13 de novembro. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contará cun stand a través do cal dará a coñecer algúns produtos de diferentes firmas e informará acerca do emprendemento a través desta fórmula.
O principal obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer e promover a comercialización dos bens e servizos das empresas galegas de economía social. Neste evento estarán presentes seis empresas que permitirán degustar os seus produtos: Cooperativa Agraria Provincial (Bico de Xeado), Barbudos, Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, Tres Fuciños, A Factoría do Lume e Postoiro.
As persoas interesadas que se acheguen ao mostrador da economía social poderán obter información sobre o fomento da integración laboral ou como crear oportunidades nas empresas de inclusión, así como coñecer diferentes fórmulas como o cooperativismo e os requisitos e axudas para a súa constitución e desenvolvemento, entre outros aspectos.
A Xunta quere aproveitar esta oportunidade para divulgar os beneficios da economía social como fórmula resiliente e que supón o 7% do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade.
Fonte: Xunta de Galicia