A xornada de Rede Eusumo sobre rendibilidade forestal reuniu a 40 persoas en Beariz

AGACA organizou o sábado, 17 de xuño, a Xornada sobre Creación de Emprego e Riqueza mediante o Uso Cooperativo do Monte Comunal, en Beariz, no marco da Rede Eusumo para o fomento da economía social, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Expertos en rendibilidade, xestión e innovación no eido forestal explicaro como identificar e potenciar os recursos destes terreos. 

Beariz  acolleu o sábado unha das xornadas do ciclo “Creación de Emprego e Riqueza mediante o Uso Cooperativo do Monte Comuna”, impulsado pola Rede Eusumo para fomentar a dinamización destes espazos, que en Galicia ocupan 650.000 hectáreas. Asistiron 40 persoas relacionadas coa xestión de montes veciñais.

Higinio Mougán, director-xerente de AGACA, apuntou que as cooperativas son unha boa opción para que as comunidades de montes poñan en marcha iniciativas coas que xerar valor engadido aos recursos forestais. Entre elas, propuxo a prestación de traballos de silvicultura, de loita contra pragas e contra incendios, as cooperativas de servizos agrícolas como preparación de terras así como a produción de cultivos e os viveiros. Explotando mellor os montes indicou, créanse postos laborais, xérase riqueza e contribúese á fixación de poboación.

Con respecto da xestión forestal, Calixto Escariz, asesor de comunidades de montes, explicou as posibilidades de investimento para Comunidades de MVMC acordes á Lei de Montes. No que respecta a innovación, Manuel Eirín, director xerente da empresa Gaélica Solar, afondou en xeitos de lograr a eficiencia enerxética e na identificación de iniciativas innovadoras no medio rural.

Casos de éxito

En canto experiencias de explotación forestal rendible, Javier Cabrera, xerente de Resega Montes, expuxo o innovador proxecto “O Dourado Verde”, que, con financiamento do FEADER, investiga a resinación de piñeiros mediante electroestimulación e aplicación de calor: obteríase resina de mellor calidade e a madeira podería ser usada posteriormente para taboleiros, pois no perdería densidade.

Finalmente, Diego Romero, presidente da recentemente creada cooperativa Tres Fuciños, explicou os pormenores da cría e comercio do porco celta.  

Rede Eusumo

Asesoramento, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal son outras áreas de actividade que definen a rede de colaboración Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

 

Martes, 20 Xuño, 2017 - 09:45